Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2019 | Actualizada ás 18:07
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou este domingo que o Partido Popular "vai retroceder nas sete cidades" galegas nas eleccións municipais do 26 de maio e sinalou que o seu partido vai traballar "con toda a forza" para conseguir que as grandes urbes de Galicia "estean gobernadas por alcaldes socialistas, por alcaldes progresistas".
Así o sinalou este domingo Caballero en Santiago durante a visita de precampaña da ministra de Economía, Nadia Calviño, onde tamén estiveron presentes os candidatos ás alcaldías dos concellos da comarca compostelá.
Neste sentido, Caballero valorou e mostrou os seus respectos "ao traballo que fan outras forzas progresistas", pero destacou a súa convicción de que "o mellor para Galicia é que o bloque progresista estea liderado polo PSdeG".
Desta maneira, insistiu en que os socialistas pretenden "encabezar novas etapas de goberno no escenario municipal e galego". "Neste momento o noso esforzo está centrado en mobilizar todos os votos progresistas", insistiu Caballero.
Segundo o secretario xeral dos socialistas galegos, as eleccións do pasado domingo "marcaron un novo tempo político en España e en Galicia", polo que se mostrou orgulloso do "avance" do PSdeG", que é a primeira forza política por primeira vez na historia nunhas eleccións xerais".
Engadiu que o PSOE "xa está a traballar en clave municipal" e para gobernar "en todos os concellos nos que xa goberna, onde non o fai e desde logo en Santiago, a capital de Galicia", polo que mostrou o seu apoio a Xosé Sánchez Bugallo, o actual candidato á alcaldía compostelá, que xa foi rexedor da cidade.
FEIJÓO E CASADO
Ademais, o líder socialista ironizou coa visita a Galicia deste sábado do presidente do PP, Pablo Casado, para "celebrar" xunto co presidente da Xunta e dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, "o seu éxito electoral".
"Seguen coa estratexia da avestruz, de agochar a cabeza para non asumir o seu erro e tentar dicir que queren virar ao centro", recalcou Caballero, quen engadiu que "agora din que non queren estar na extrema dereita porque non lles dan os números".
Así, lembrou que o PP "segue gobernando en Andalucía cos votos de Vox sen ningunha rectificación", polo que reprobou o "cinismo" que, ao seu xuízo, demostra o partido.
"O PP vai usar os votos de Vox cando lle sirvan, e renunciará a eles se non lle dan as contas", insistiu, para engadir que "non se poden esquecer os riscos" que teñen os seus pactos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.