A Xunta saca peito pola baixada do paro en Galicia e os sindicatos din é "estacional" grazas á Semana Santa

Os datos do paro "confirman o crecemento sustentable e progresivo" da economía galega, din desde Emprego. Os sindicatos din que "son temporais" grazas á Semana Santa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2019 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, atribuíu a diminución do paro rexistrado en abril en Galicia á "estabilidade" da comunidade, á vez que destacou que o dato "confirma o crecemento sustentable e progresivo" da economía galega. Unha opinión moi diferente a dos sindicatos de que falan dunha baixada "estacional".

A través dunha nota de prensa, a Consellería de Economía subliña que Galicia é a comunidade "na que máis baixa o paro", en variación interanual, e que volve superar a barreira do millón de afiliacións á Seguridade Social. Toca sinalou, neste sentido, que a Xunta está "a apostar pola formación de calidade adaptada á demanda do tecido produtivo, para dar resposta aos novos retos da industria 4.0".

Covadonga Toca. EUROPA PRESS - Arquivo
Covadonga Toca. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

SINDICATOS

Pola súa banda, os tres sindicatos con maior representación en Galicia, CIG, UGT e CC.OO., avisaron de que a contratación que reflicten os datos do paro rexistrado en abril é "estacional" e "temporal", ao estar asociada á celebración da Semana Santa.

Nun comunicado de prensa, a CIG advirte de que o 72% dos contratos (65.738) correspondéronse con algunha actividade do sector servizos e que só o 8,7% do total foi rexistrado baixo algunha modalidade de carácter indefinido.

Pola súa banda, UGT denuncia que o peso dos contratos a tempo parcial ou temporais "ocupa cada vez maior parte do mercado laboral" e propón "un plan de choque polo emprego", así como mellorar a empregabilidade dos parados.

Mentres, CC.OO. sinala que "o factor estacional fai diminuír o paro rexistrado", pero consolida un modelo de crecemento "baseado na precariedade". Para a secretaria de emprego do sindicato, Maica Bouza, "con isto non é suficiente" para mellorar a economía galega e a calidade de vida das persoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta