Críticas a unha nova lei de farmacias "máis empresarial que sanitaria"

Inclúe novidades como atención a domicilio, e a oposición censura que non se traten problemas como desabastecemento.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/05/2019 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

A nova lei de ordenación farmacéutica de Galicia arrincou este martes a súa tramitación no Parlamento galego para reformar a normativa 20 anos despois (o actual texto data de 1999). Inclúe novidades como a atención a domicilio por primeira vez en casos excepcionais, a creación de boticas anexas no rural e a axilización da adxudicación de novas oficinas.

No debate de totalidade, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, debullou as novidades do proxecto de lei, nunha renovación que considera "necesaria" para ser "máis acorde co presente" e para atender dunha maneira "máis eficaz", con "calidade" e de forma "coordinada". Para a súa elaboración destaca que se contou co "consenso" dos colexios farmacéuticos.

En cambio, os grupos da oposición coinciden en criticar a falta de ambición do texto, no que lamentan que non se aborden problemáticas como o desabastecemento ou as dificultades de "100.000 galegos" para o acceso a fármacos por cuestións económicas. De feito, censuran que tan só se centre na ordenación das oficinas de farmacia, polo que reprochan que "é máis empresarial que sanitaria".

En Marea presentou unha emenda á totalidade ao texto que non saíu adiante debido ao voto maioritario do PP (contou co apoio do BNG e a abstención do PSdeG). Desta forma, o proxecto de lei continuará a súa tramitación na Cámara galega.

Farmacia / EUROPA PRESS - Arquivo / Europa Press
Farmacia / EUROPA PRESS - Arquivo / Europa Press

NOVIDADES DO PROXECTO DE LEI

Entre outras novidades, esta lei inclúe que as farmacias poderán abrir establecementos anexos en poboacións sen boticas ou de difícil acceso, a posibilidade da venda de medicamentos sen prescrición e de produtos de parafarmacia a través de Internet, ademais da regulación por primeira vez da entrega a domicilio en situacións excepcionais (véxanse persoas que non poidan desprazarse).

Ademais, elévase o período mínimo para poder transmitir as farmacias cuxa titularidade se adquira por concurso público, que pasa de tres a 15 anos. Así mesmo, desaparece a caducidade das autorizacións administrativas ao cumprir os titulares os 70 anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta