O PP aproba en solitario a lei que permite á Xunta eludir o "atranco" do Estado para investir o seu superávit

A norma, que autoriza un suplemento de 48 millóns, recibe a abstención da oposición, que critica "electoralismo" dos populares.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 07/05/2019 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia aprobou este martes, cos votos a favor do PP e a abstención de toda a oposición (En Marea, PSdeG e BNG), a lei que permitirá á Xunta eludir o "atranco" do Goberno central para investir os 125 millóns de euros de superávit de 2018.

En concreto, a norma incorpora, a través dun suplemento de crédito, uns 48 millóns de euros aos Orzamentos autonómicos deste ano, que son o resultado de destinar os beneficios de 2018 a reducir a débeda da Comunidade.

O proxecto de lei foi defendido na Cámara polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, quen valorou que, "grazas á solvencia" do Goberno galego, Galicia pechou o pasado exercicio con superávit "por primeira vez desde 2002".

Na mesma liña que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cando presentou esta ferramenta legal despois de ser aprobada polo seu Executivo, o conselleiro explicou que a "urxencia" coa que se tramitou a norma no Parlamento débese a que hai gastos, como as obras en centros educativos --prevén executalas durante o verán--, que "non poden esperar" a que o Goberno estatal autorice o uso do superávit.

E é que, a pesar de que o Consello de Ministros aprobou o pasado 29 de marzo o uso de, segundo calculou, 104 millóns de superávit galego, e de que o Congreso convalidase días despois este decreto, Valeriano Martínez asegurou que con esta decisión a Xunta "seguía sen poder utilizar" estas contías nas "necesidades" de Galicia.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, no pleno
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, no pleno


O deputado de En Marea Manuel Lago ironizou con que o PP "está en tempos de rectificación" da súa política orzamentaria: "O proxecto de lei di o que vimos dicindo a oposición, que os cursos para atender os servizos básicos da sociedade son insuficientes".

Pola súa banda, o portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, evidenciou que con este texto a Xunta "non modifica o gasto", o que "quere dicir que non hai gastos adicionais", senón que os 125 millóns "son recursos que xa tiña a Xunta ao peche do ano pasado".

Tamén o BNG presentou unha emenda á totalidade da norma, posto que o proyec, segundo expuxo á deputada Noa Presas, constata o "fracaso dobre do marco político vixente" que, segundo denunciou, creou o Goberno de Feijóo como "precursor da austeridade" coa Lei 2/2011 autonómica á que tamén se referiu o portavoz de En Marea neste debate.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta