O 94% de persoas que deixan de traballar para coidar familiares en Galicia son mulleres

En 2018, o número de persoas que abandonaron o mercado laboral por este motivo aumentou un 24%

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2019 | Actualizada ás 19:22

Comparte esta noticia

O número de persoas que abandonaron o mercado laboral para dedicarse ao coidado dalgún familiar con dependencia ou discapacidade aumentou en Galicia ao longo do último ano un 24 por cento, segundo un informe da Fundación Adecco.

Coidados no fogar.
Coidados no fogar.

Ao peche de 2018, son 5.400 os galegos que non buscan emprego por ter que dedicarse aos coidados. Trátase de 1.200 máis que ao termo do anterior ano, cando a cifra se situaba en 4.200 persoas inactvas por este motivo.

O perfil é o dunha muller —no 94 por cento dos casos— maior de 45 anos (40%). Segundo destaca o director xeral da Fundación Addeco, Francisco Mesonero, o sector dos coidados está "practicamente feminizado ao 100%" e incumbe a mulleres que soprepasan a corentena, que "son as que máis dificultades atopan no seu acceso ao emprego e no mantemento do mesmo".

"Son as primeiras que deciden retirarse do mercado cando a situación familiar o require", resalta Mesonero, que indica que o número de persoas que se acollen á prestación como coidador non profesional na contorna familiar ascende en Galicia a 12.810, o que representa o 18 por cento de todas as que se conceden no ámbito da dependencia.

A Fundación Adecco sinala que, entre os 500 enquisados para elaborar o informe, un 55 por cento atópase traballando e o 92 por cento atopa dificultades para compaxinar a súa vida persoal e profesional.

"O reto é profesionalizar a ocupación do coidador familiar, dotándolle de recursos e coñecementos específicos que revaloricen a súa candidatura se o día de mañá decide volver ao mercado", apuntou o director xeral da entidade elaboradora do informe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta