Alfonso Villares, alcalde de Cervo: "Estamos vendo un problema grande pola parálise do Goberno central con Alcoa"

Cervo é un dos dous concellos onde se asenta a factoría de Alcoa-San Cibrao. Considera que o goberno de Pedro Sánchez non ten unha estratexia clara sobre o prezo da enerxía. Considera que coa administración do PP en Madrid, había acordos, non serían perfectos pero había solucións anuais.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Considera que a posibilidade apuntada por Alcoa de vender a planta situada en Cervo e Xove,é unha maneira de presionar para ter un mellor contrato eléctrico?
Considero o que considerei sempre, se non hai un bo prezo de enerxía, a planta de aluminio non é viable nin para Alcoa nin para outras empresas que podan comprala. Se ese prezo non é competitivo e agora mesmo non o é, encareceuse neste dous últimos anos e iso non fai viable a factoría de Alcoa. É o discurso que se tivo sempre, agora e hai seis anos, sete anos sempre apuntando o prezo como cuestión principal.

Alfonso Villares, no centro da imaxe
Alfonso Villares, no centro da imaxe | Fonte: AXM

-Como se pode converter en viable o prezo da enerxía, segundo o ve vostede como político e xestor?
Hai que buscar a forma para que as cifras estiveran onde hai máis dun ano. En paralelo, vai na liña do prezo que as electrointensivas teñen noutros lugares de Europa. Ese mesmo prezo que temos en Francia ou Alemaña, o mesmo que en España hai un ano, mais pode que non dese unha certa seguridade para moitos anos. Poderíanse chegar a marcar uns prezos para un período de tres ou catro anos, sen variacións, mais a cambio duns compromisos. Se isto non se consegue este plano, o que se debera facer sería volver ao prezo que permita ser competitiva Alcoa.

-En Cervo que porcentaxe de poboación activa traballa na planta de aluminio?
Falamos de 1.100 persoas que traballan diretamente na planta, en empresas auxiliares entre seiscentas e setecentas persoas. En total poderían ser unhas trescentas familias vinculadas a Alcoa.

-Existen outras actividades económicas que teñan relevancia e peso no Concello?
Agora mesmo dentro do polígono industrial que temos no noso municipio, temos unhas factorías acuícolas de Stolt Sea Farm, ademais doutras empresas que dan un número importante de postos de traballo, cento cincuenta en total. Tamén temos Sargadelos que a pesar dos problemas que houbo, está remontando con cen postos de traballo. Mais eses postos non son a cantidade de traballadores en Alcoa. Ademais diso, as actividades da factoría redundan noutras dentro do Concello.

-Tense pensado en buscar novas vías de emprego de cara o futuro?
Dentro das posibilidades que ten unha administración local tomamos medidas para asentar empresas, temos baixado unha serie de impostos e con iso puideron investir empresas como as piscifactorías. Ademais diso, iso implicou vinte e cinco postos de traballo. Tamén estamos deixando locais a prezos asequibles no recinto histórico de Sargadelos para emprendedores. Estes dous últimos meses hai cinco actividades distintas.

-Tense reunido vostede con administracións e directivos da factoría para tratar sobre o futuro de Alcoa?
Tivemos comunicacións coa empresa e con outras administracións, pero nestes momentos foi sempre así. A clave está no Goberno central, co que non houbo reunión e non se achegou a Alcoa nos últimos meses, ía aprobar un estatuto para o 26 de abril, non o aprobou que o aprazou. Creo que estamos vendo un problema grande pola parálise do Goberno central. Tampouco vexo que haxa ningún movemento para que o Goberno faga algo para ter un prezo asequible.

-E co comité de empresa da factoría reuníuse?
Si, reunímonos todos os alcaldes co comité. Mais hoxe en día vexo que non existe a mobilización que houbo hai seis ou sete anos co mesmo problema e que se solucionou. Houbo concentracións en Viveiro onde estiveramos todos os alcaldes de todos os concellos e de todas as cores para visibilizar o problema. Agora hai un silencio impactante comparado coa mobilización de hai seis anos. Non sei se esta estratexia é mellor para que o Goberno atenda, mais non debe ser moi boa en tanto que Avilés e Coruña van pechar se non hai solución ao prezo da enerxía. Falo dos movementos por parte de todos os sectores que nos moviamos hai seis anos e que agora mesmo estamos parados. Insisto que non sei se é un cambio de estratexia, con todo vexo máis perigo hoxe que hai seis anos, por iso é que Avilés e Coruña van pechar e por iso é necesario o cambio no prezo da enerxía.

-A xestión das administracións centrais do PP e PSOE serían o detonante do que acontece nestes momentos?
Durante a administración do PP presionábase da mesma maneira e conseguiuse un prezo cun sistema que ao mellor non era o ideal, porque podía ter sido a cinco ou seis anos, mais había un acordo anual e había prezo e mesmo o di a empresa. Prezos que coñecemos todos, por tanto baixo o PP había prezo, igual non era un sistema ideal pero había prezo, agora non o hai. Cos actuais prezos, tanto a empresa como o comité de empresa, saben que están perdendo uns dez millóns de euros por mes, por tanto o problema do prezo non está solucionado nin hai unha solución a cinco ou seis anos. Por tanto, as diferenzas son evidentes, antes solucionábase o problema aínda que fose de maneira anual. Agora nin hai solución anual.

-Vostede ve a posibilidade de que as autoridades públicas asuman a dirección das factorías para buscar novos investidores?
Non o vexo nin factible nin real, máis que nada porque a enerxía está en mans de distintas empresas privadas, está liberalizada. Creo que iso é unha utopía que só serve para desviar a atención do problema, que o Goberno central dea unha axuda como deu sempre para a enerxía de Alcoa. Outras posturas é querer apartarse do problema e non buscar unha solución, que eu pido canto antes, pois senón imos arrepentirnos moito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Mlon

Un alcade do PP, no que oseu presidente presume de liberal ve decir que o estado debe intervir nos prezos da electricidade dos grandes consumidores, pero claro o seu liberalismo ven de vender as plantas de inespal e agora subencionar á multinacional que a comprou. Pero o pequeno consumidor que negocie coas compañías electricas.