O PSOE gañaría as eleccións en Santiago co 22,1%, segundo o CIS

A enquisa prognostica unha forte caída do PP e de Compostela Aberta, que pasaría de ser a forza máis votada á terceira ao baixar un 15%. Tamén baixaría o BNG. Con todo, hai máis dun 30% de indecisos.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 09/05/2019 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

O PSOE recuperaría a Alcaldía de Santiago de Compostela ao vencer nas eleccións municipais do próximo 26 de maio co 22,1% dos votos polo 19,7% do PP e o 9,4% de Compostela Aberta, segundo o macrobarómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas publicado este xoves. Unha enquisa que deixa máis de 30% de indecisos.

A capital galega é o único municipio de Galicia analizado polo CIS na enquisa previa á dobre cita coas urnas do próximo 26 de maio. Así, outorga a vitoria ao candidato socialista, Xosé Sánchez Bugallo, que recuperaría a alcaldía de Santiago que ostentou entre 1998 e 2011.

O CIS prognostica unha forte caída da Compostela Aberta do actual rexedor santiagués, Martiño Noriega, que pasaría do 34,5% logrado nas eleccións de 2015 ao 9,4% na cita do próximo 26 de maio, pasando así de forza máis votada ao terceiro lugar na corporación.

Cae tamén de maneira significativa o Partido Popular, que repite candidato con Agustín Hernández e que quedaría case 14 puntos por baixo do resultado de 2015 ao alcanzar o 19,7% dos votos.

Con todo, a pesar de que o CIS non traslada as cifras da enquisa --elaborada cunha mostra de 299 persoas e unha marxe de erro do 5,8%--, o PSOE necesitaría de apoios para recuperar o goberno a capital de Galicia perdido en 2011 precisamente polo actual candidato Sánchez Bugallo.

Ademais, o Bloque Nacionalista Galego mantería o cuarto lugar a pesar de caer en votos --o CIS dálle o 5,7% polo 6,94% de 2015--, mentres que Cs volveríase a quedar fóra da corporación santiaguesa ao tamén descender en apoios ata situarse no 3 por cento do total.

Así mesmo, a enquisa reflicte que un 7,7% dos enquisados decántase pola opción 'Outro partido', mentres que o 20,7% afirma que non votará, o 4,3% declárase indeciso e o 7,0% opta por non contestar.

Bugallo (PSdeG) pide a paralización das obras de acceso á intermodal. EUROPA PRESS - Arquivo
Bugallo (PSdeG) pide a paralización das obras de acceso á intermodal. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Gustavo

A ver: esas porcentaxes de voto suman un 67'7, non 100. Polo tanto, as porcentaxes de voto (dos que din que van votar) serían, aprox., Psoe 32%, CA 14%. E o BNG, por exemplo, tería un 8'5, repito, sobre o total, non sobre o 67'5 que din que van votar algo concreto. Ainda que lle restemos os indecisos, quedan unhas cifras moi diferentes, por exemplo, non baixaría o BNG, senón que subiría. E segundo, nas xerais recentes en Santiago: Psoe 29%, Podemos 16% (sen contar o un e pico da Marea). Alguén pensa que CA, tendo o goberno e o alcalde, vai sacar peor porcentaxe que unha parte dela, ou ainda que se identifique unha e outra, nunhas municipais, que non se parecen moito a unhas xerais, nunca, e nestas, en que houbo un voto útil ao Psoe e unha esquerda desunida? Pois non ten lóxica electoral algunha. Polo demáis, non fagan as contas entre porcentaxes que non reflicten o mesmo.

2 Dom Celidónio

Se aplicamos a Lei d'Hont a estas percentagens temos: PSOE: 10 PP: 9 CA: 4 BNG: 2

1 Rabuñán

Unha enquisa a 299 persoas dan unha victoria tan aplastante, unha abstención tan grande e todo eso que din? Mamaíña!