Cinco meses de espera no Sergas para reconstrución tras cancro de mama

O 70,6% das intervencións fixéronse nunha segunda intervención.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2019 | Actualizada ás 15:43

Comparte esta noticia

O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, indicou este xoves que o 70,6% das reconstrucións de mama tras un cancro realizadas o ano pasado polo Sergas leváronse a cabo nunha segunda intervención (e non no mesmo acto cirúrxico) e precisou que a espera media destas pacientes se situou en cinco meses, un período que, no entanto, está influído por criterios médicos.

Proba de detección de cancro de mama.
Proba de detección de cancro de mama.

Así o dixo durante a súa intervención na Comisión de Sanidade para responder unha pregunta da deputada de En Marea Eva Solla sobre a existencia de centros en Galicia nos que a posibilidade de reconstruír a mama na mesma intervención para extirpar o cancro "non se oferta", así como sobre a existencia de "longas esperas" para executar esta reconstrución.

Jorge Aboal explicou que, segundo os criterios vixentes, "a intervención realizarase no mesmo acto cirúrxico cando sexa clinicamente posible", aínda que poden darse "condicionantes" de tipo médico ou persoal da paciente que aposten polo contrario.

En 2018, dixo o director xeral, foron 714 as mulleres galegas afectadas por cancro de mama e sometidas a unha mastectomía total, das que a 683 se lles realizou posteriormente unha reconstrución.

Delas, a case un terzo, 201 pacientes, se lles puido realizar a reconstrución no mesmo acto cirúrxico, mentres que o 70,6% tiveron unha reconstrución posterior, "debido a condicionantes clínicos ou por decisión delas".

Estas pacientes, dixo Aboal, tiveron unha espera media de cinco meses, un intervalo que "pode estar condicionado por distintas situacións clínicas", como o tratamento farmacolóxico.

En relación a esta mesma cuestión, e ante as preguntas de Eva Solla, Aboal mostrouse "absolutamente de acordo" na necesidade de implantar a tatuaxe reconstrutiva "dentro da carteira de servizos" do Sergas. Esta intervención, que xa se fai na Coruña, debe "implementarse no resto" de centros, dixo, como parte da atención ás mulleres que sufriron un cancro de mama.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta