Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/05/2019 | Actualizada ás 21:00
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volveu cargar contra a alianza do BNG con ERC e Bildu para as europeas e criticou duramente a esta formación e a rexedores como Miguel Anxo Fernández Lores por “pedirlle o voto aos galegos para apoiar a independentistas”.
O líder do PPdeG asegurou que “non comparte absolutamente nada” da visión territorial do BNG pola elección de Bildu e ERC como socios para as europeas. “E como galego síntome soprendido de que lle pidamos votos aos galegos para apoiar a independentistas da candidatura de Bildu, Batasuna e ERC”, engadiu.
De feito, amosouse sorprendido porque Lores, o alcalde máis representantivo dos nacionalistas e que leva no cargo desde o 1999, “pida o voto para Bildu e ERC o mesmo día no que se presenta á candidatura de Pontevedra”. “Alá os estrategas do BNG pero esta deriva do BNG cara o independentismo pareceme que é un erro histórico e por iso logo empatan en votos con Vox”, asegurou.
“Nin a independencia de Galica nin o centralismo español teñen futuro entre os votantes moderados de Galicia, que son a inmensa maioría”, concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.