Queres reducir as emisións de dióxido de carbono no fogar?

Galicia dispón de 96,2 millóns adicionais para o desenvolvemento de proxectos de aforro e eficiencia enerxética.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2019 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

Galicia dispón de 96,2 millóns de euros adicionais para o desenvolvemento de proxectos de aforro e eficiencia enerxética, mobilidade sustentable e uso de enerxías renovables a través de axudas comunitarias destinadas a entidades locais, que teñen como principal obxectivo incentivar e promover a realización de actuacións que reduzan as emisións de dióxido de carbono mediante a execución de proxectos singulares.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) informou nun comunicado destas axudas que se distribúen dentro dunha repartición de crédito dispoñible a nivel estatal e que son xestionadas polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDEA) a través do programa de Desenvolvemento Urbano Sustentable (DUS).

Desta maneira, con esta ampliación de crédito, Galicia conta cun financiamento total de 154,5 millóns de euros. Os posibles beneficiarios desta orde de axudas son os concellos, deputacións provinciais, comarcas ou entidades que agrupen varios municipios, mancomunidades de concellos e áreas metropolitanas.

"A principal novidade desta convocatoria por 96,2 millóns é que se amplía o ámbito de actuación, xa que se elimina a condición que existía ata agora pola que só podían optar a estas axudas os concellos de menos de 20.000 habitantes", destacou a Xunta.

Para facilitar a execución dos proxectos, tamén se ampliou o prazo de vixencia da convocatoria ata o 31 de decembro do ano que vén, mentres que os proxectos, cunha intensidade de axuda do 80% e un investimento mínimo que supere os 50.000 euros, deberán estar finalizados antes do 30 de setembro de 2023.

Entre as actuacións que poden ser subvencionables por estas axudas atópanse as obras relacionadas coa mellora da eficiencia enerxética, renovación de equipos de iluminación e sinalización exterior, mellora da eficiencia das instalacións de potabilización e depuración de augas residuais, así como implantación de plans de mobilidade urbana sustentable.

Enerxías alternativas
Enerxías alternativas | Fonte: EUROPA PRESS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta