Lídia Senra reivindica a creación de emprego a través das pemes e o fin do "dumping económico e ambiental"

"É fundamental a creación de emprego para o desenvolvemento do medio rural e neste sentido é prioritario que se blinden os servizos públicos e de calidade", apunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2019 | Actualizada ás 16:05

Comparte esta noticia

A eurodeputada galega e candidata ás eleccións do 26 de maio por En Marea: Compromiso por Europa, Lídia Senra, reivindicou este domingo na localidade coruñesa de Melide que a prioridade orzamentaria da Unión Europea (UE) ten que ser a creación de emprego a través das pequenas e medianas empresas (Pemes), fronte ás multinacionais, así como o pór fin ao "dumping social, económico e ambiental".

En declaracións aos medios na Festa do Melindre de Melide, Senra apostou por unha UE na que se impida a venda no mercado de produtos por baixo dos custos de produción, na que se poña fin ao dumping social, económico e ambiental, na que se impida a deslocalización e na que "se poñan por encima da mesa medidas para que as grandes empresas paguen os impostos que lle corresponden a nivel fiscal e arancelario".

"É fundamental a creación de emprego para o desenvolvemento do medio rural e neste sentido é prioritario que se blinden os servizos públicos e de calidade. Neste contexto, este domingo quero facer fincapé tamén e reivindicar que a sanidade pública é fundamental e que para que sexa de calidade en Galicia o Servizo Galego de Saúde (Sergas) non pode ter precarizados aos seus traballadores", indicou Lídia Senra, segundo recolle o partido nun comunicado.

Desta maneira, mostrou o seu apoio ao colectivo de Enfermeiras Eventuais en Loita no Día da Enfermaría no que ademais se realizarán as oposicións do Sergas para este ámbito laboral. "Reclamamos estabilidade laboral en todo o Sergas xa!", sentenciou.

Lidia Senra nun acto electoral
Lidia Senra nun acto electoral | Fonte: Lídia Senra

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta