O 16% das pontes das infraetruturas galegas son de hai máis de cen anos

A Xunta destina preto de 1,5 millóns a máis de 1.600 inspeccións durante cinco anos en pontes, cuxo estado, di, "é bo",

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2019 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

A Xunta destinará preto de 1,5 millóns de euros para realizar máis de 1.600 inspeccións de pontes e obras de paso durante o próximos cinco anos. En rolda de prensa en Santiago, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, informou de que o estado das pontes galegas "é bo", pero realizaranse estes traballos para garantir o seu mantemento. Así, publicouse este luns a licitación á que se poden presentar ofertas ata o 17 de xuño. O contrato é de tres anos, prorrogable outros dous máis.

Persoal e técnicos especialistas e con experiencia revisarán case a totalidade dos 170 quilómetros de pontes que hai nos 5.500 quilómetros de estradas autonómicas.

Infraestruturas realiza tres tipos de revisións nas pontes, unha de tipo rutineiro (cada 15-18 meses), outra en profundidade (cada cinco anos) e outra de tipo especial (cando se detectan elementos danados que así o xustifican).

Estas revisións en profundidade incluirán actuacións especiais por danos detectados. A corrosión e as fisuras por elementos como a auga son algúns dos casos que provocan o maior número de arranxos. Ademais, haberá 10 que se realizarán con drones, 30 acuáticas e 24 subacuáticas, así como 85 con guindastres.

Así mesmo, a Xunta licitará no verán un novo contrato, por uns 230.000 euros, para estender estas actuacións a muros de contención e noiros.

CASE 300 PONTES CON MÁIS DE 100 ANOS

As vías autonómicas contan con 5.500 quilómetros, dos cales 170 quilómetros son pontes (hai 308 pontes de pedra e 1.497 de formigón). O 76% das pontes están sobre o curso da auga e hai unha estrutura elevada en cada tres quilómetros de estrada.

Ademais, hai 292 pontes anteriores ao ano 1900, o que supón o 16% do total. Un dos casos significativos é o da ponte romana de Bibei, en Trives (Ourense), do ano 80 despois de Cristo.

Ponte de Rande tras a ampliación. EUROPA PRESS - Arquivo
Ponte de Rande tras a ampliación. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta