Recoñecen como tempo traballado o dunha enfermeira que foi chamada para unha substitución cando estaba de baixa maternal

"A situación de maternidade non pode asimilarse á falta de capacidade funcional necesaria para desempeñar as funcións propias dun posto de traballo, senón que ten que ser un período de descanso que se goza por tal situación", indica o TSXG

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2019 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou que o Sergas recoñeza como tempo traballado a efectos administrativos o período de tempo durante o cal foi chamada para traballar unha muller de baixa por maternidade que estaba incluída nas listas temporais da categoría de ATS/DUE (enfermeira).

A sección primeira da sala do Contencioso-Administrativo do TSXG revoga así a sentenza ditada en novembro de 2018 por un Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña. Con iso, estima parcialmente o recurso interposto pola demandante contra a resolución ditada pola Xerencia de Xestión Integrada da Coruña en decembro de 2017, relacionada coa suspensión de chamamentos durante a súa baixa por maternidade.

"A situación de maternidade non pode asimilarse á falta de capacidade funcional necesaria para desempeñar as funcións propias dun posto de traballo, senón que ten que ser un período de descanso que se goza por tal situación", indica o TSXG na resolución, na que subliña que "a discriminación existe".

De feito, destaca que "eliminada a situación de maternidade, os servizos prestáronse e, por tanto, deben de recoñecerse como tales aínda que non se poidan prestar por atoparse a traballadora nunha situación que está protexida pola lei".

A sala indica no fallo que o recoñecemento debe quedar limitado ao período de tempo para o que a traballadora é chamada das listas, é dicir, "o comprendido desde a data de chamamento, o día 27 de xaneiro de 2017, ata o día 3 de abril de 2017, en que se formalizou o contrato despois da baixa de maternidade".

O período anterior, desde o 26 de decembro de 2016, día seguinte á finalización do contrato, ata o 27 de xaneiro de 2017, data na que se produciu o chamamento, "non se pode recoñecer para os efectos pretendidos, pois implicaría privilexiar á apelante en relación cos demais integrantes das listas de vinculacións temporais".

Enfermeiras nunha planta de pediatría
Enfermeiras nunha planta de pediatría | Fonte: consalud.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta