Temas: VIVENDA MOCIDADE

A Xunta quere que os mozos "vaian vivir aos centros históricos" das cidades e vilas

O Goberno presenta por primeira vez axudas para fomentar a compra de vivendas nas 'zonas vellas'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2019 | Actualizada ás 15:13

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asegurou este luns que a Xunta de Galicia busca que "os mozos vaian vivir aos centros históricos", polo que presentou por primeira vez axudas para fomentar a compra de vivendas nas 'zonas vellas' das cidades galegas.

Casco vello de Vigo
Casco vello de Vigo | Fonte: © Miguel Núñez.

Nunha visita á Confederación de Empresarios de Lugo, Vázquez comprometeuse a "dar facilidades" aos mozos e, ao mesmo tempo, "incentivos" para que desenvolvan as súas vidas no os centros históricos, polo que anunciou que o Executivo sacará "unha liña de axudas similar á do ano pasado para aqueles concellos de menos de 5.000 habitantes pero agora dirixida ás zonas vellas".

Dentro do programa Rexurbe, "aquel mozo menor de 35 anos que queira optar a unha vivenda na zona vella terá un incentivo económico de 12.800 euros se se trata dunha cidade como Lugo, mentres que de 10.800 euros se se trata dunha vila". A Xunta destinará ata 600.000 euros a esta iniciativa.

"Isto é compatible co resto das axudas de rehabilitación que temos enriba da mesa, que este ano supera os 52 millóns de euros. Son boas noticias para os empresarios, para dinamizar a economía e sobre todo para pór en valor os centros históricos que nos identifican, igual que nos identifica a paisaxe e a gastronomía en Galicia", enxalzou a conselleira.

Esas axudas aos mozos, puntualizou, "serán para a compra, e é compatible co resto das axudas para a rehabilitación, que xa temos unhas publicadas e outras que se publicarán ao longo do ano".

Sobre a Lei de Rehabilitación, que foi aprobada no Parlamento e entra en vigor o día 22, dixo que "pretende fomentar a rehabilitación nos centros históricos, eses lugares que son xenuínos e que nos dan historia e temos que facer un rexurdir deles, pero para iso temos que incentivar".

Temas: VIVENDA MOCIDADE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta