Por E.P. | Santiago de Compostela | 15/05/2019 | Actualizada ás 13:42
Galicia non permitirá máis dos 118 salóns de xogo e as 41 tendas de apostas que están abertos ou en tramitación en Galicia, segundo avanzou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Esta limitación, que aprobará o Consello na súa reunión deste xoves, foi presentada este mércores polo vicepresidente á comisión do xogo de Galicia.
O obxectivo, segundo destaca Vicepresidencia nun comunicado de prensa, é "pechar o mercado" ante a próxima publicación da nova lei na materia e evitar así "que se poida aproveitar o período previo á súa entrada en vigor para especular e pór en marcha novas instalacións".
A nova norma, cuxo borrador dará a coñecer a Xunta nas próximas semanas, manterá a limitación do número de salóns de xogo e tendas de apostas, entre o resto de medidas que buscarán "conciliar a prestación da actividade coa máxima garantía de protección das persoas, en especial menores e colectivos vulnerables".
O Goberno galego leva meses traballando neste texto lexislativo, para actualizar a anterior lei, que ten máis de 30 anos, para "adaptala aos tempos actuais e novos modelos de xogo", segundo subliñou Rueda. Para elaborar o borrador recolleu suxestións de toda a cidadanía e mantivo conversacións e reunións cos sectores implicados. A previsión é publicalo en exposición pública durante o mes de xuño para que logo vaia a Consello e despois sexa remitido ao Parlamento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.