A Consellería de Medio Ambiente considera fundamental a educación para preservar os ríos galegos

Para isto presenta medidas como a creación de "Escolas de Río" para educar aos máis pequenos na conservación dos ecosistemas acuáticos continentais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2019 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

A directora de Patrimonio Natural, Belén do Campo, trasladou á asociación ecoloxista Adega a intención da Consellería de Medio Ambiente de promover a pesca sen morte nos ríos galegos.
Esta iniciativa do departamento que dirixe Anxos Vázquez inclúea o anteproxecto de Lei de Pesca Continental que puxo en marcha a Xunta de Galicia.

Así, a directora de Patrimonio Natural, na súa rolda de contactos para presentar de primeira man este anteproxecto, reuniuse este mércores co secretario técnico de Adega, Fins Eirexas, para trasladarlle que "a normativa presta unha atención especial á protección" dos ríos galegos.

Do mesmo xeito, tal e como indica a Xunta nun comunicado, Belén do Campo destacou que outro dos obxectivos da norma é garantir a "substitución xeracional para o sector da pesca fluvial a través de incentivos e exencións para os pescadores menores de idade, e do fomento da educación e sensibilización entre os mozos".

Para isto, a titular de Patrimonio Natural presentou medidas como a creación de 'Escolas de Río' para educar aos máis pequenos na conservación dos ecosistemas acuáticos continentais.
Pola súa banda, o secretario técnico de Adega, segundo a nota de prensa de Medio Ambiente, "coincidiu coa Xunta na oportunidade e conveniencia de abordar esta actualización normativa, tendo en conta que a actual Lei de Pesca ten máis de 25 anos e necesitaba unha profunda revisión".

Río Ulla.
Río Ulla. | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta