A CIG advirte de que Galicia pode ser "a zona máis afectada" pola "brutal reestruturación" do Banco Santander

A entidade financeira pretende "destruír 3.713 empregos" en toda España.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2019 | Actualizada ás 19:48

Comparte esta noticia

A sección sindical da CIG no Banco Santander denunciou este xoves a intención da entidade de "destruír 3.713 empregos", unha "brutal reestruturación" que "pon de manifesto a avaricia desmedida" da entidade e da que, alertan, Galicia "pode ser a zona máis afectada".

Sucursal do Banco Santander
Sucursal do Banco Santander | Fonte: EP.

Segundo apuntou a central sindical, o ERE "afectará a 3.713 persoas e pecharán 1.150 oficinas", 57 a partir do 21 de xuño, unha delas en Galicia.

A sección sindical alertou de que a existencia de tres redes a nivel galego, a do Santander, a do Pastor e a do Popular "fará que a reestruturación sexa especialmente dura aquí". Por iso, demandou no seu momento o mantemento do Banco Pastor. "Pero a dirección descartou a nosa proposta, sen que a Xunta de Galicia movese un dedo", engadiu.

A entidade, dixo a CIG, prevé ter pechadas, a 31 de decembro deste ano, 1.129 oficinas universais, das que a carga de traballo de 200 "pasaría a axentes comerciais", e 21 de banca privada, todas de orixe Banco Popular. Isto afectará, segundo a sección sindical da CIG, a 2.847 persoas na rede comercial, a 588 na rede de apoio e a 278 nos servizos centrais, onde habería 15 unidades afectadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta