Antonio Fraguas, unha vítima máis da represión franquista

O autor recoñecido este ano é unha figura que, se ben pertenceu ao Partido Galeguista, non foi nin moito menos o persoeiro que máis se lle escoitou loitar contra o franquismo, pero é a mostra de que non facía falta facelo para sufrir as consecuencias de vivir nunha ditadura.

Por Brais Nogueira | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/05/2019 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

Este 2019 o día das Letras Galegas está dedicado a Antonio Fraguas o ano no que se cumpren vinte anos da súa morte. Natural de Cotobade, Fraguas foi escritor, historiador, antropólogo, profesor, etnógrafo e incluso radiofonista. Un intelectual moi completo, unha figura que lembra ao chamado Home do Renacemento. A súa experiencia demostra que cando Galicia estivo proscrita durante décadas en tempos de xente fuxida no monte e barbarie, non facía falta alzar a voz demasiado para sufrir a máis crúa represión.

Antonio Fraguas foi fundamental para a historia de Galicia - Arquivo
Antonio Fraguas foi fundamental para a historia de Galicia - Arquivo

O historiador Bernardo Máiz tivo a sorte de coñecelo en vida: “Foi un gran etnógrafo e xeógrafo. Antonio Fraguas foi un gran amante da paisaxe nunha liña similar  á de Otero Pedrayo. Era un investigador do patrimonio material e inmaterial”. Considera que é unha persoa fundamental para Galicia: “Dirixiu o Museo Municipal de Santiago e máis adiante foi membro fundador do Museo do Pobo Galego. E iso é unha pegada indeleble na historia de Galicia”, resalta Máiz.

Como outros tantos, Antonio Fraguas sufriu a represión do franquismo pero o historiador relata “non se viu moi prexudicado en comparación con outros. Aínda que é verdade que asinou algún documento cando o Partido Galeguista virou cara a esquerda, Fraguas era un home máis de cultura que de política. Interesáballe pero non a practicaba”, lembra. “Isto non significa que non fora combativo, pero era un home de paz, era menos heroico que outros por así dicilo”. Isto non o librou de sufrir a desgracia franquista: “afectoulle dun xeito psicolóxico”

Henrique Monteagudo, vicepresidente da RAG, conta que Fraguas “foi apartado do ensino durante moitos anos e sufriu unha serie de vexacións na Estrada moi graves, aínda que non entrou na cadea porque non atoparon nada para condenalo”. A súa cátedra no instituto da Estrada no lla devolveron ata o ano 1950. Máis tarde daría clase ata o seu retiro no colexio Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.

Monteagudo mantén que Fraguas “pertencía ao partido galeguista e sempre estivo vinculado co movemento”, pero coincide con Máiz en que o seu labor non era moi ruidoso. “Outros se significaban moito coa Fronte Popular, pero Fraguas viviu momentos moi complicados a pesar de non facelo tanto”.

O día das Letras Galegas deste ano está dedicado a Antonio Fraguas
O día das Letras Galegas deste ano está dedicado a Antonio Fraguas | Fonte: FUNDACIÓN ANTONIO FRAGUAS

BONDADOSO E BRILLANTE

Outros dos aspectos que nos que destacaba Fraguas son as súas calidades persoais. “Se algo que teño que destacar del, é que era moi bondadoso ademais de bo profesor. Os seus alumnos lémbrano como bo docente pero sobre todo como moi boa persoa”, lembra Máiz. E continúa dicindo a modo de anécdota de que para el, que gañou o premio Antonio Fraguas cun proxecto sobre embarcacións tradicionais galegas, “foi unha honra ademais de polo prestixio, polo nome que encarnaba”.

Monteagudo eloxia a figura de Fraguas como reflexo da historia do galeguismo: “Representa moi ben a súa traxectoria ao longo do século vinte. Viviu desde o momento do Seminario de Estudos Galegos ata a súa recuperación total despois do franquismo, coa autonomía e a oficialización da lingua”.

Máiz valora ao autor polo seu conxunto máis que polos seus traballos individuais. “Tocou moitos paus: investigou dende a música tradicionais ata os camiños… un traballo global propio dos galeguistas da época”. Pola súa banda, o vicepresidente da RAG destaca o seu traballo sobre a cantiga popular: “Fíxoo nun momento moi necesario porque se non, é probable que fora un coñecemento que se perdera. O franquismo deixou na ruína o agro galego”, explica. “Fraguas traballou en contra do ambiente, recolleu a cultura do seu pobo”.

O SÉTIMO INTENTO DE CARVALHO CALERO

Este ano é a sétima vez que a candidatura de Carvalho Calero perde para que este escritor sexa o conmemorado no día das Letras Galegas. Respecto á pugna deste ano, Máiz o único que apunta é que “ambos eran moi amigos, polo que non está ben confrontar dúas figuras históricas dun xeito ao que non lle gustaría a ningún”.

Para Monteagudo este autor “ten moitos méritos” para poder ser lembrado no día grande da lingua galega e ten “a absoluta certeza de que será o elixido máis cedo que tarde, porque hai motivos de sobra para facelo”. Lembra tamén que houbo outros persoeiros aos que lles foi dedicado o Día das Letras Galegas despois de moitos intentos, “como puido ser o caso de Xosé Filgueira Valverde ao que finalmente lle chegou o momento no ano 2015”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta