Temas: UE BNG ANA MIRANDA

Ana Miranda reivindícase como "única oportunidade" de "escano" galego

A europarlamentaria do BNG di que "a división pode deixar fóra Galicia" mentres que cualifica a Feijóo como "maleducado" ante a equiparación que fai o líder do PPdeG entre Bloque e Vox.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2019 | Actualizada ás 11:37

Comparte esta noticia


A eurodeputada --nos últimos 14 meses-- e candidata do BNG, Ana Miranda (Cuntis, 1971), reivindícase como a "única" posibilidade de que unha "muller galega" poida entrar con escano no próximo Parlamento Europeo tras as eleccións do 26 de maio e, por iso, chama a "concentrar" o voto na súa candidatura fronte a --sen mencionalas-- outras como En Marea. "Creo que hai unha oportunidade de aglutinar o voto para ser un escano sen ataduras. A única oportunidade de representación propia (de Galicia) é o BNG, é unha cuestión aritmética", aseverou.

Así pois,  "a división pode provocar que non haxa escanos nacionalistas e deixar fóra a Galicia", como ocorreu --mencionou-- co Congreso, polo que "sabendo o que sabemos e o que coñecemos" --dixo-- fixo "un chamamento á xente que senta o país". "Dígoo con humildade, será a única oportunidade de ter escano", aseverou.

Tras a aprobación no Parlamento Europeo da resolución na que se insta a ilegalizar as fundacións que enxalcen o fascismo, Ana Miranda considera que a Comisión Europea "debería dar un paso adiante". "Debería instar o Goberno español a prohibir a Fundación Franco. Habería que promover a súa ilegalización, sen dúbida", remarcou a eurodeputada, quen, convencida de que poderá ter representación o cinco anos se se "aglutina o voto", afirmou que o seu será o "escano útil e solvente".

A cuestión da memoria histórica é, de feito, un dos temas que o BNG inclúe no seu programa electoral e, neste sentido, a eurodeputada fixo "un chamamento" a apostar pola súa candidatura, porque a lei D'Hont "podería dar o escano á extrema dereita".

E é máis, considerou que o fuso horario en Galicia --outra proposta que leva o Bloque no programa electoral-- debería ser "revisable" só polo feito de que "foi imposto pola ditadura" para igualarse á "Alemaña nazi". "Hai que analizalo de forma científica, con traballo, pero creo que a inclusión no programa das europeas abre a porta a un debate", defendeu.

FEIJÓO, UN "MALEDUCADO"

Ana Miranda advertiu de que o "fascismo hai que combatelo, plantarlle cara". "Están a atacarnos, aos inmigrantes, ás mulleres...", incidiu. Á pregunta de que lle parece que o presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, equipare o BNG e Vox, a dirixente nacionalista foi tallante: "Está a ser moi maleducado, un maleducado porque dicir iso é pasar todos os límites do respecto político".

"Comparar un partido antifascista, feminista, ecoloxista, pacifista, con pouso no país, que loita contra o franquismo, como nós, con Vox...", reprobou, para certificar que son "moi diferentes" e sinalar que lle parece "moi desagradable" esa equiparación. "Home, por favor! Non nos compare", resolveu Ana Miranda.

Nesta liña, a dirixente nacionalista apelou a que o BNG "ten unha tradición de ir en coalición" nas eleccións europeas e defendeu a alianza con ERC e EH-Bildu, que "están a ter un gran resultado electoral", posto que iso, argumentou, permitirá gañar votos para o seu escano.

Por iso, ante as críticas do PP por esta coalición, Miranda considerou que "lle interesa falar" dela "porque o escano do BNG púxoos contra as cordas no Parlamento Europeo e demostra que realmente lles fai dano", en asuntos como o do Alvia. "Cando queira, desafíoo a un debate sobre o Alvia", propuxo.

"ORGULLO" PERO "NON USO POLÍTICO" DE ANGROIS

Precisamente, sobre o accidente do tren Alvia en Angrois en xullo de 2013 --en que 80 persoas faleceron e 144 resultaron feridas--, Ana Miranda sinalou que "é un dos traballos" dos que sente "máis orgullosa na vida política". "É unha entrega a unha causa que, dalgunha maneira, vai máis aló do político, síntome orgullosa de estar ao seu lado (das vítimas) e sobre todo, de ser útil, mesmo cando non tiñamos escano", reivindicou.

Así, dixo que lle "gustaría continuar" no Parlamento Europeo para "chegar ao final" do ocorrido no accidente e para que "se cumpran" as avaliacións de riscos e aplíquese a lexislación. "Houbo interese (de PP e PSOE) de calar cousas e isto é un caso de liberdade e de xustiza", salientou.

Preguntada por se lle poden acusar de utilizar politicamente o accidente de Angrois, Ana Miranda rexeitouno de plano. "Non uso politicamente nada, o que fago é o meu traballo; o meu traballo é ser útil para o pobo galego, para que os galegos teñan unha resposta; se non fóra por min, por levar as vítimas alá e todos xuntos en equipo, a Audiencia Provincial non reabriría a causa. Esa utilidade está aí", defendeu.

De feito, asegurou que ela mesma propuxo, en 2015, cando as vítimas de Angrois foron a Bruxelas, que "tiñan que reunirse con todos os grupos políticos e toda a representación da Eurocámara". "Non quería ter o protagonismo, pero ao final levei eu o tema, ninguén máis se meteu", remachou.

FONDOS SOCIAIS E NON INFRAESTRUTURAS

Ana Miranda toma posesión do escano en Europa o día 28. EUROPA PRESS - Arquivo
Ana Miranda toma posesión do escano en Europa o día 28. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Ana Miranda tamén se pronunciou sobre os "retos" para esta lexislatura. Entre eles, incidiu na necesidade de "controlar" o uso dos fondos europeos, xa que advirte da "mala" utilización en cuestións como os bosques. "Non se pode seguir financiando a eucaliptización", denunciou.

O reto demográfico e a necesidade de "un programa de choque xa" para a pesca galega, especialmente defendendo a artesanal, son outros dos asuntos citados por Ana Miranda, quen advertiu de que se "debería estar a preparar cun plan de choque interno" o Brexit. Neste sentido, cre que hai que contemplar os sectores produtivos e as exportacións de ámbitos como o téxtil, pero tamén a libre circulación de persoas.

Sobre o declive poboacional, Miranda reclamou "coller o touro polos cornos", aínda que manifestou que o traballo realizado polo grupo ao que ela está adscrito --Os Verdes-ALE-- permitiu que "o Estado español pode recibir un 5 por cento" máis de fondos e "por primeira vez é unha prioridade europea".

Ao fío diso, indicou que ata agora os fondos europeos "estaban a gastarse en infraestruturas" e, aínda que é partidaria de acabar o que ten que ver co saneamento, cre que hai que "deixar as grandes infraestruturas" e apostar por que Europa se implique nos servizos sociais e en atender o despoboamento.

"Creo que temos que investir moito máis no social que en infraestruturas", considerou Ana Miranda, quen sostivo que os fondos europeos deben servir para apoiar a entidades sociais, alixeirar as cargas familiares e atender á conciliación. En canto á a Política Agraria Común (PAC) manifestou que é outra das cuestións pendentes para esta nova lexislatura e reclamou que ademais do sector gandeiro, "hai un sector excluído, que é o da horta, unha alternativa para moita xente" que se debe incluír.

Temas: UE BNG ANA MIRANDA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

3 Brugues

A única representante galega na eurocámara. Grande traballadora e sen complexos. No congreso español hai 23 colonos madrilegos... Así nos vai...

1 Multinick

Para ti ser galego é ser do BNG. A iso reduces a galeguidade. Moi ben. Non hai máis preguntas.

2 Bruges

Home, a galeguidade do ppsoecsvoxpodemosenmareaanonaagecernaetc´s foi palpable nestes anos de leas sen fin... O BNG terá defectos pero que é a única plataforma galega de nación é indiscutible. O resultado dos 23 madrilegos e da antivacinas? Escóitalo... é o silencio (agora teredes dous grilos "gallegos" en Madrid...). E para as vindeiras eleccións nacionais galegas, cántos partidiños ides crear? O BNG ten a porta aberta pero resérvase (e fai ben) o dereito de admisión (Amio 2.0 non, grazas!).

3 Roxalia

Ese é voso problema, que non dades superado o trauma de Amio. O "Non, grazas" díxovolo a vós o pobo galego deixándovos de novo a 0 e lonxe de Madrid.

2 Gamela

Tamén nós estamos de campaña electoral: aquí tes boas razóns para votar Caballero! https://i.gal/gamelaVD

1 Desfeita

Por desgraza, Ana, desta vez non hai posibilidade ningunha dunha eurodeputada galega. Ti vas de número 5 nunha lista á que ningunha enquisa dá máis de 3 escaños. Contra o que publicitastes, Oriol Junqueras xa anunciou que non vai renunciar ao seu, e os votos que poda recadar o BNG van ser insignificantes no conxunto. Tampouco vai saír Lidia, que vai de número 2 (un posto, contodo, máis digno) nunha lista que, se ten a sorte de sacar un escano, só vai rotar entre os membros que recaden máis de 60.000 votos. Algo máis de posibilidades ten Vanessa de UP (ulo En Común?), pero chamala eurodeputada galega sería un chiste. Haberá que votar testemuñalmente e agardar tempos mellores.