Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2019 | Actualizada ás 18:28
O BNG reivindicou o traballo realizado no Parlamento Europeo pola súa eurodeputada e candidata Ana Miranda en defensa da devolución ao patrimonio público do Pazo de Meirás, que Franco recibiu en plena guerra civil no ano 1938 e que permanece en mans dos seus herdeiros.
Nun vídeo de campaña, o BNG recolle diversas intervencións de Miranda na Eurocámara nas que denuncia a "aberración democrática" de que se manteñan os privilexios dos herdeiros do ditador, nunha "especie de franquismo sen Franco", co Pazo --antiga propiedade da escritora Emilia Pardo Bazán-- xestionado pola Fundación Franco, que desenvolve "unha clara actividade de apoloxía do ditador".
E mentres, denuncia, os que reclamaron a devolución do pazo, cunha toma "simbólica", o grupo denominado os '19 de Meirás', "están imputados pola familia Franco e exponse a multas e anos de cadea".
O vídeo lembra, entre outras cuestións, diversas intervencións da eurodeputada pedindo a ilegalización da 'Fundación Franco', a devolución do pazo e do resto do "patrimonio roubado" e recolle a visita de eurodeputados ao inmoble, situado na localidade coruñesa de Sada, a instancias do BNG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.