Xulio Ferreiro: “Nós temos datos doutras enquisas que non se publican e que din que imos por diante”

O rexedor da Coruña está fondamente doído cos “poderes fácticos e mediaticos” da Coruña. Asegura que hai xornais que “queren que a xente vote por determinadas opcións políticas” e que, por iso, tentan influír directamente na campaña a través de informacións maliciosas. “Que te saquen cos seus fillos pequenos pois aí xa traspasan moitas barreiras e iso xa non pode ser”, asegura en alusión a La Voz de Galicia. Con todo, tamén recoñece erros na xestión da cidade e pide o voto para poder rematar o proxecto iniciado hai catro anos. Ten moi bo concepto da nova líder do PSOE, Inés Rey, “que foi unha estudante aplicada”, pero apunta que o PSOE e o BNG, se poden, “teñen preferencia entre eles” por pactar e repartirse institucións, como concellos e deputacións.

Por Xurxo Salgado | A Coruña | 22/05/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

Unha campaña intensa. Supoño que será máis duro do que pensabas, non?

Xulio Ferreiro, líder da Marea Atlántica
Xulio Ferreiro, líder da Marea Atlántica | Fonte: EFE

Xa sabemos como son. Este tipo de campañas son esixentes. E nós estamos facemos unha campaña de proximidade. Son moitas horas e estamos falando coa xente na rúa. Temos dous actos diarios, ademais dos paseos, e as visitas a barrios. Estamos facendo unha campaña moi pegada a rúa, como tamén foi o noso xeito de gobernar.  Queremos estar coa xente, falando con ela directamente para saber o que fixemos ben e mal.

 

Precisamente sobre estes encontros hai uns días circulaba un vídeo pola rede, supoño que publicado por inimigos teus, no que se vía á xente dun barrio moi crítica contigo. Cres que se cumpliron as expectativas que tiñades en 2015?

É certo que nós creamos unha onda de ilusión no 2015 e é lóxico que a xente teña moita expectativa sobre ti e do teu modelo de cambio da cidade. Algúns deses cambios xa son evidentes pero tamén precisariamos dun segundo mandato para que todo o que proxectamos comece a visibilizarse. Pero eu en todo caso cheguei prometendo tres cousas e penso que se cumpliron.

Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña
Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña | Fonte: EP

 

Cales?

Pois eu prometín honestidade radical, traballo e non desviarme do camiño cos obxectivos propostos. E penso que esas tres cousas cumprinas. Logo vas máis lento ou máis rápido e sempre pode haber persoas que sintan que as cousas poderían ter ido máis rápido. Pero cambiar un modelo de cidade non é doado. Puxemos o barco no bo rumbo e neste segundo mandato, se repetimos, permitirianos poñer gasolina no motor para que estes cambios sexan irreversibles. E hai xente que nos votou que pode non estar contenta, pero tamén hai outra moita que non nos votou e que agora poderían facelo.

 

E cal cres que é ese votante que podes convencer agora?

Pois hai moito indeciso. Segundo as sondaxes hai ata un 30% de persoas indecisas que podemos convencer. Podemos convencelos porque creo que poden entender e percibir que temos uns valores e uns principios que poden compartir porque, quizais, a súa visión da política municipal é tamén a nosa. Nós encarnamos os valores de cohesión, promoción da cultura, dos valores sociais, da proximidade, da conservación da natureza, da dignidade. Son valores que seguro que comparten con nós.

 

Pero eu pensei que non criades nas enquisas?

Son o que son e danche unha mostra pequena. Pero nós temos datos doutras enquisas que non se publican e que din que imos por diante. É certo que tamén hai quen publica enquisas co ánimo de influir no electorado. Por iso, hai que analizar todo con coidado e ver que hai detrás da publicación de certas sondaxes porque algunhas queren influir no electorado e crear estados de opinión.

 

A que te refires con crear estados de opinión?

Pois que hai quen quere que a xente vote por determinadas opcións políticas. Hai medios de comunicación que tamén tentan influir.

 

Agora que me falas de medios de comunicación. A que medio de comunicacións ou comunicación te refires?

Aquí na Coruña todos nos coñecemos e sabemos de que falamos. 

 

Pero eu non son da Coruña e por iso son máis directo. Falas de La Voz de Galicia, por exemplo?

Dixéchelo ti. Non o digo eu.

 

"Hai sectores fácticos na cidade que están descontentos con nós. Algúns deles son poderes mediaticos"

 

E ti cres que un medio concreto pode modificar a opinión da xente ou propiciar cambios electorais nunha cidade tan importante como A Coruña?

A percepción se forma no boca a boca, na rúa e todos estes elementos teñen influencia. Pero nós non falamos nunca dos medios de comunicación. O noso traballo é cos veciños e veciñas. 

 

Non faladades ata que chegan as eleccións?

A ver. Non vou negar que é evidente que temos tradición de certos poderes fácticos que determinaron políticas municipais e que acadaron certas cousas que a xente non coñece porque, claro, iso non se publica. Pero é certo que hai certos sectores que son minoritarios na cidade que están descontentos e algúns deles son determinados poderes mediaticos. Eu tentei evitar falar disto durante os catro anos e, especialmente, na campaña, pero logo de que a un lle saquen cos seus fillos pequenos pois aí xa traspasan moitas barreiras e iso xa non pode ser.

 

Independentemente de que eu poida coincidir con esa crítica que fas, o certo é que as mareas das tres grandes cidades pequechedes de optimismo, algúns falan de prepotencia directamente, na xestión destes catro anos. Supoño que tamén teredes que facer algo de autocrítica, non?

Pode ser, pero tamén hai que ter en conta que, agora, os gobernos municipais non poden ser xulgados ou medidos como antes. Antes sempre había unha estabilidade que daba, ben unha maioría absoluta, ben un pacto entre partidos. E iso estes últimos catro anos non pasou en varias cidades galegas, non só na Coruña. Tampouco en Compostela, en Ferrol, en Ourense ou en Lugo houbo gobernos maioritarios nin se fraguaron coalicións. Polo tanto, eles, coma nós, tivemos problemas que eran novos para todos e ese poder de bloqueo do resto de partidos utilizouse irresponsablemnte para buscar réditos electorais. Eu son o primeiro que digo que eu non son infalible. Pero hai erros que puiden cometer eu e outros que foi por mor da irresponsabilidade da oposición. 

 

E porque non se chegou a acordos?. Inés Rey comentaba que é difícil falar con xente do teu equipo, que algúns deles mesmo se enfrontaron directamente cos veciños...

Eu en xeral penso que teño un equipo dialogante e que, para nós, as persoas, os nosos veciños e veciñas importan. Habería que preguntarse se é o propio PSOE co que non se pode falar porque desde que eu estou aquí houbo catro voceiros e un candidato á alcaldía.  E sempre tentei falar coas cinco persoas pero pasamos case tres anos e medio cunha oposición brutal pola súa parte, sen opción de pactos, e sen interlocutor co que falar. Só dez meses de catro anos nos que si houbo un acordo co candidato á alcaldía. Nós  teremos pecado de algo pero nuncha de falta de proxectos e iniciativas e menos de tentar falar coa xente.

 

E como é posible entón que logo de ter cinco representantes en catro anos ese partido estea en condicións de poder liderar un cambio de goberno na Coruña. Como é que non foi penalizado?

Porque está claro que houbo un vento a favor que se chama Xerais e Pedro Sánchez. Cando se convocaron as eleccións xa sabiamos que calquera que fora o resultado tamén ía a afectar ao espazo municipal. E logo da vitoria de Pedro Sánchez iso tamén está tendo unha influencia grande na campaña. De feito, semella que nesta cidade, polo PSOE, só se presenta Pedro Sánchez. Alguén relevante do PP xa me dixo hai uns días que os socialistas parece que presentan a Sánchez tamén a alcalde da Coruña e semella que, niso, ten moita razón. 

 

Que tal te levas coa nova líder do PSdeG local, con Inés Rey?

Foi alumna miña.

 

Seino, pero que tal é a relación?

Non teño queixa. É boa persoa.

 

E como estudante?

Era moi aplicada.

 

Supoño que a percepción como política é diferente, non?

Como política non teño criterio para xulgala porque levamos dous ou tres meses. Ten cousas que pulir pero, no persoal, tiven moi boa relación porque A Coruña non é unha cidade moi grande e todos nos coñecemos e máis no ámbito político. 

 

Cres que iso pode axudar a que poidades fechar pactos no futuro?

Eu cordialidade tiven sempre con todos. O que hai que ter na Coruña é un proxecto de cidade compartido e eu nunca me equivoquei neste tema. Sempre tentei buscar acordos co PSOE e co BNG e o PSO non tivo nunca posicións claras. Aí están os feitos. De tres exercicios orzamentarios pois dous pactounos co PP.  A Ordenanza municipal tamén a pactou co PP. Esa foi a dinámica. Eu só tiven dez meses de bo entendemento co anterior voceiro socialista. Por iso non entendo como a maioría progresista desta cidade non teña reflexo no pleno cando, ademais, temos a  dereita máis salvaxe e a que máis nos difamou a nós e á propia cidade. E facelo tendo como "muletiña" ao PSOE pois é máis duro e tamén, incomprensible. Imaxinate se as forzas do cambio estiveramos erosionando a Zapatero, ou ao propio Sánchez, nos seus peores momentos. Esa actitude non é lóxica, nin sen entende, por parte dos socialistas.

 

E co Bloque que tal foi a relación?

Foi máis fácil entenderse co Bloque pero tamén se diferenciou de nós nalgúns puntos importantes da cidade. Supoño que o fixo por cálculo electoral e para sacar máis tallada política nestes comicios.

 

"É ben sabido que PSOE BNG teñen preferencia por pactar e repartirse institucións"

 

Sempre houbo boa relación entre o PSOE e o BNG. Cres que se podería dar un pacto na Coruña entre estas dúas forzas, ao marxe da Marea Atlántica?

É ben sabido que o PSOE e o BNG teñen gobernado xuntos. Iso o sabe todo o mundo. E que hai preferencia entre eles por pactar e repartirse institucións, como no caso das deputacións, tamén.

 

Dígocho porque semella que hai medios que insisten nesa alianza, descartando xa dela ás mareas...

Claro. Iso é moi sintomático dos poderosos intereses de certas forzas económicas e mediaticas en acabar coas forzas do cambio e en ocultar ou atacar o espazo aberto que nós representamos.

 

En todo caso, independentemente de todos estes factores alleos dos que me falas, eu penso que tamén hai un factor importante para entender o afastemento da xente das forzas do cambio que foron os cristos que houbo en En Marea. Non cres que isto vos está pasando factura?

Pode ser. Non o nego porque a xente penaliza este tipo de comportamentos. Ademais, un momento tan importante como foi o da chegada das mareas e de En Marea, que supuxo unha revolución política, unha apertura importante da vida política, se vexa empañado, agora, por estas liortas internas que non axudan en nada. En todo caso, A Coruña quedou illado desas liortas. Aquí só hai un único espazo porque entendemos que representamos ás forzas do cambio e iso é importante destacalo. Que na Coruña non haxa división significa que aquí aspostamos pola unión e agardo que iso tamén o saiban valorar os e as coruñesas. 

 

Ti falas desa unidade na Coruña, que tamén hai en Santiago, pero iso non quita que a xente teña na súa memoria máis recente os problemas que existen no espazo das mareas. E aí están as distintas candidaturas que hai en Ferrol, en Lugo ou en Ourense. Como se explica iso?

Tes razón. Iso non se pode explicar e é un erro. Eu mesmo intentei, antes das Xerais, propoñer fórmulas que mantiveran o espazo unido pero non foi posible. Eu son dos que pensa que as divisións non axudan e que o máis importante é sumar. E a min dame mágoa ver como ese gran motor do cambio pois vaia dividido nalgúns concellos. 

 

E que vai pasar no futuro?. En Marea como espazo esta morto ou aínda é posible a unidade?

A partir do día 27 xa falaremos de todo iso. Agora o importante é centrarse nas municipais. Iso é o que nos debe de preocupar as 24 horas do día. 

 

Pero como ves o futuro?

Insisto. Diso falaremos a partir do luns. Agora temos que centrarnos na Coruña e en convencer aos coruñeses e coruñesas para que nos voten o domingo.

 

E senón os convences e perdes a alcaldía, seguirás na oposición?

Non teño esa percepción. Eu non me presento para perder a alcaldía.

 

E se a perdes?

Eu vou facer todo o posible para que iso non aconteza porque levo catro anos traballando moi duro para crear un modelo de cidade aberta, social, participativa e cultural que debería continuar.

 

E senón é así, haberá pactos?

Eu o que quero é continuar con este modelo de cidade inclusiva, na que todos e todas sexan protagonistas, na que a xente se identifique coa súa cidade, unha cidade de portas abertas e no que o principal son os veciños e as veciñas. 

 

Pero con pactos?

Diso falaremos a partir do luns.

 

Pois falaremos logo a partir do luns. Que teñas sorte

Moitas grazas.

Xulio Ferreiro. EUROPA PRESS - Archivo
Xulio Ferreiro. EUROPA PRESS - Archivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

1 Galegocomatí

Sempre tiven a dúbida de se o puño que hai que erguer é o dereito ou o esquerdo. Alguén mo pode aclarar?

1 lóstrego T

Os comunistas o dereito, e os socialistas e anarquistas o esquerdo.

2 Galegocomatí

Grazas Lóstrego, e sabes a razón diso? Paréceme un pouco absurdo, sobre todo se temos en conta que ese xesto de erguer o antebrazo co puño cerrado, ten reminiscencias fálicas. Por iso resulta un tanto "inadecuado" cando, por exemplo, as tenistas ou futbolistas o fan no decurso das súas competeicións.