Feijóo acusa o PSOE de "burlarse dos españois" e de "incumprir a Constitución"

O líder do PPdeG tacha á oposición de Ourense como "a peor de toda Galicia" e cúlpaa de "tentar boicotear" a cidade

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2019 | Actualizada ás 23:05

Comparte esta noticia

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, cualificou a estrea do Congreso como "unha burla do PSOE ante todos os españois". "Na casa da soberanía popular os socialistas non só dixeron que non estaban de acordo coa Constitución, senón que mostraron que non a van a cumprir", afirmou.

Así o expresou ante un auditorio abarrotado no mitin central dos populares de Ourense celebrado no pavillón dos Remedios. O tamén presidente da Xunta de Galicia estivo acompañado do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, para arroupar o candidato á Alcaldía da cidade, Jesús Vázquez Abad.

Neste contexto, sinalou que "10 millóns de persoas votaron o pasado 28 de abril para que Sánchez non fose o presidente do goberno". Por este motivo, pediu o voto "a todos os que de boa fe votaron a Vox e a Ciudadanos porque non querían a esquerda no goberno e atopáronse con que Sánchez utilizounos como a un xoguete".

Por iso, e en clave de autocrítica, aludiu a que o seu partido "fallou á hora de explicar a importancia da unión do voto" e insistiu en facer a súa lectura do sucedido nas xerais: "O PP é un partido responsable que sabe dicir que o resultado das eleccións xerais foi decepcionante, mentres que os socialistas, con menor porcentaxe de apoio que nós, din que foi marabilloso".

Coa vista posta nos comicios municipais, Feijóo declarou que "só existe unha alternativa: elixir ao mellor alcalde de todas as cidades galegas ou escoller á peor oposición de toda Galicia". "Ou gobernamos os que cremos sen límites nas posibilidades de Ourense ou o farán xuntos e revoltos todos os que día a día tentaron boicotear a esta cidade", subliñou.

"MARCA HISTÓRICA"

"Quedan catro días para que se abran os sobres que certifiquen unha maioría absoluta do Partido Popular en toda a provincia de Ourense", con estas palabras comezou a súa intervención o presidente da Deputación e dos populares da provincia.

Manuel Baltar fachendou ao dicir que o PP de Ourense "é o máis importante de España". Para sustentar esta afirmación baseouse nos resultados das eleccións xerais, nas que "Ourense obtivo a porcentaxe de apoio máis alto de toda España ao Partido Popular".

Así mesmo, vaticinou que o próximo 26 de maio repetirase a situación nas eleccións municipais. "Co PP abrirase un tempo novo para a provincia na que imos conseguir unha marca histórica de 71 alcaldías", declarou.

"Tres cousas hai en Ourense que non as hai en España: o Santo Cristo, as Burgas e o Partido Popular que sempre gana", recitou, entre aclamacións do público, o presidente da Deputación.

ALUVIÓN DE FORMACIÓNS "MORTAS"

O primeiro en intervir foi Jesús Vázquez que quixo "falar co corazón e sen papeis". A pleno pulmón coreou que quere "seguir sendo alcalde con maioría absoluta durante os próximos catro anos", mentres entre o público soaron bombos e trompetas.

"A pesar dos atrancos postos pola oposición desde o primeiro momento, o que se fixo nesta cidade nos últimos catro anos foi histórico", manifestou o candidato á alcaldía. Entre voces de "unión, lealdade e traballo", Jesús Vázquez prometeu "converter a Ourense na capital de Galicia do século XXI".

En alusión ás 15 formacións políticas que se presentan aos comicios municipais na urbe, Jesús Vázquez declarou que "coa chegada da primavera agromaron moitoa partidos pero, a diferenza das flores, nacen mortos". "Xuntar o voto na figura de Jesús Vázquez Abad é a única alternativa para o futuro de Ourense", concluíu.

Mitin do PP
Mitin do PP | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 eusi

E desde os seus cochazos oficiais viron as rúas cheas de fochancas? Os colectores soterrados q non funcionan e de lado os de superficie todos rompidos? As beirarrúas fedorentas por falta de limpeza? Os enlousados das rúas rompidos, levantados esnaquizados? Ourense é un puro desastre! #inePPtos nunca mais