Feijóo segue o argumentario de Casado e pídelle á presidenta do Congreso que suspenda aos deputados presos

O presidente da Xunta insiste no argumentario da división das dúas españas do seu partido en Madrid.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/05/2019 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, aseverou este xoves que corresponde á presidenta do Congreso, Meritxell Batet, a decisión de suspender aos deputados presos --Oriol Junqueras, Josep Rull, Jordi Turull e Jordi Sánchez--, tendo en conta que "a Xustiza falou".

A preguntas dos medios tras a reunión do seu executivo, o mandatario popular considerou que "está claro quen debe tomar" a decisión de inhabilitar aos parlamentarios electos que se atopan en prisión preventiva mentres son xulgados pola súa relación co 'procés' independentista catalán.

Núñez Feijóo incidiu en que "a Fiscalía foi moi clara" á hora de pedir a suspensión dos deputados, polo que insta á socialista Batet a "exercer o seu cargo como presidenta do Congreso, que é indelegable" e tome a decisión de inhabilitar aos políticos cataláns.

"Comprendo a dificultade, pero os españois non lle debemos nada aos independentistas, por moito que si o poida facer o PSOE, por moito que estean a esperar a ver como queda o mapa electoral ou por moito que necesiten o voto de ERC para a investidura (de Pedro Sánchez como presidente)", incidiu Núñez Feijóo.

"O que non podemos facer é cambiar leis por votos", apostilou o presidente galego, que engadiu que "a Xustiza falou" e, por tanto, os deputados en prisión preventiva deben ser "inhabilitados desde xa".

Rolda de prensa de Feijóo tras o Consello da Xunta
Rolda de prensa de Feijóo tras o Consello da Xunta | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta