Últimos días para presentarse ao XVII Premio de Poesía Afundación

O prazo de entrega remata o 31 de maio. O texto gañador recibirá un premio de 6.000 euros.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/05/2019 | Actualizada ás 09:26

Comparte esta noticia

Afundación, a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e o Centro Pen de Galicia convocan a décimo sétima edición do Premio de Poesía Afundación co obxectivo de recoñecer libros de poemas escritos en lingua galega.

Poesía
Poesía | Fonte: Flickr.

As persoas interesadas en participar poderán presentar obras inéditas, que non concorresen a ningún outro concurso e cunha extensión mínima de 600 versos, ata o 31 de maio de 2019.

O xurado cualificador estará constituído por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario, e como presidente exercerá o titular do Centro Pen de Galicia, Luís G. Tosar. A súa decisión farase pública a través dos medios de comunicación no verán de 2019.

O texto gañador recibirá un único premio de 6000 euros e será publicado, ademais, na colección «Arte de Trobar», editada polo Centro Pen de Galicia e a fundación galega.

A HISTORIA DO PREMIO

O galardón naceu no ano 2002 a instancias do Pen Club de Galicia e de Afundación co obxectivo de reforzar a imprescindible produción poética en galego e continuar o enriquecemento da creación cultura galega actual.

No seu elenco de gañadores figuran poetas como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello e Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa ou Gonzalo Hermo, gañador da pasada convocatoria.

Esta edición número dezasete conta co apoio e a participación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais, que vén colaborando desde hai anos con esta cita de referencia na axenda cultural galega, ao tempo que estimula a creación literaria.

Afundación e o Centro Pen de Galicia, tras dezasete anos de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galegas, continúan traballando por un xénero indispensable que, aínda que minoritario, serve de alicerce para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta