Feijóo: "Cando un vai por Asia e para dicir que é de Galicia utiliza como marcas Zara e o Camiño de Santiago"

Critica a "parálise" da capital galega e asegura que votar a PSOE, mareas ou BNG é "non saber que goberno" haberá nas cidades.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/05/2019 | Actualizada ás 10:56

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, dixo este venres que Inditex e Santiago son as "dúas marcas que se coñecen no mundo" cando alguén "se quere referir a Galicia".

"Cando un está diante dos directivos de Nissan, en Tokyo, e ten que acreditar de onde vén, ademais de dicir que de España, que máis ou menos saben que cae por Europa (...), xa cando un ten que dicir exactamente de que punto de España vén, soamente utiliza dúas marcas: ou ben dicir Zara ou ben dicir o Camiño de Santiago", dixo.

Así o expresou Feijóo durante un almorzo informativo na capital galega celebrado xunto ao candidato do PP á Alcaldía, Agustín Hernández, no último día de campaña, no que realizará un percorrido polas sete cidades da xeografía galega.

Neste contexto, o líder dos populares na Comunidade pediu aos presentes "un cambio de goberno" en Santiago, algo que ve "imprescindible" para a Xunta. "Isto non é simplemente cambiar a varios partidos por un partido. Isto é cambiar unha actitude por tentar liderar unha capital non só legal de Galicia, senón tamén de facto", recalcou.

Por iso, referiuse a Agustín Hernández como alguén que foi alcalde entre 2014 e 2015 e "membro do Goberno da Xunta durante moito tempo" --como conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas-- no que demostrou que "sabe xestionar situacións difíciles".

A "PARÁLISE" DE SANTIAGO

Fronte á xestión do seu partido, Feijóo situou á "parálise" dos últimos catro anos na capital galega da man do actual goberno de Compostela Aberta, con Martiño Noriega á fronte. "A necesidade de cambio é unánime", engadiu.

Para este fin, advertiu que cando se vota ao PSOE, ás mareas ou ao BNG nos comicios locais, "non se sabe que goberno" nin "que alcalde" acabará á fronte do Consistorio. En cambio, "cando se vota a Agustín Hernández hai unha garantía e confianza de que acabará gobernando a moderación, o sentido común e a obsesión por resolver os problemas", asentou.

O presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alberto Núñez  Feijóo, nun almorzo informativo xunto ao candidato do PP á Alcaldía de Santiago, Agustín Hernández
O presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nun almorzo informativo xunto ao candidato do PP á Alcaldía de Santiago, Agustín Hernández | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta