Persoeiros da sociedade e da cultura de Santiago expresan o seu apoio a Martiño Noriega

Asinan un manifesto no que definen a Compostela Aberta como "a única garantía dun goberno de esquerdas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2019 | Actualizada ás 15:34

Comparte esta noticia

Un grupo duns 40 persoeiros da sociedade santiaguesa, entre os que figura a ex-tenente de alcalde da capital galega Encarna Otero ou o actor Miguel de Lira, expresaron a través dun manifesto o seu apoio ao actual rexedor e aspirante á reelección por Compostela Aberta, Martiño Noriega.

Martiño Noriega nun mitin de Compostela Aberta
Martiño Noriega nun mitin de Compostela Aberta | Fonte: CA

"Compostela Aberta é a única garantía dun goberno de esquerdas, social e que loite por recuperar o ben común. Hai cousas que só se van facer se Martiño Noriega é alcalde, como a municipalización da auga", reza o manifesto.

O texto está asinado por varias decenas de persoas do ámbito social, sindical, cultural e político da capital galega. Destacan a ex-tenente de alcalde de Santiago co BNG, Encarna Otero, a académica da RAG Marilar Aleixandre, a profesora da Universidade de Santiago Alba Nogueira ou dous dos referentes da compañía teatral Chévere, o actor Miguel de Lira e o director Xesús Ron.

Así, o manifesto defende que Compostela Aberta é unha candidatura "que non lle debe nada aos bancos, grandes contratas, promotoras inmobiliarias ou grupos mediáticos" e que por esta razón "a atacan e queren desgastala".

"Martiño (Noriega) atreveuse en 2015 e conseguiu desaloxar a corrupción e a vergoña do Pazo de Raxoi. Agora, temos a oportunidade de consolidar esta nova etapa e non retroceder ao pasado. Para continuar con políticas progresistas e transformadoras. Para continuar exercendo como capital feminista, democrática, dos coidados, diversa e plural. Para continuar sendo a máis galega das cidades", incide o texto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta