Jesús Vázquez: “Polo ben de Ourense eu non descarto pactar con partidos de esquerdas se non gaño”

O rexedor de Ourense afronta estas eleccións cunha complexa situación municipal e cun partido, Democracia Orensana, co que di que nunca vai pactar. “É moi destrutivo para esta cidade”, asegura. Tampouco se fía do PSOE de Rafa Villarino pero estaría disposto a chegar acordo con el e coas mareas “polo ben de Ourense”. Defende o feito nestes catro anos na cidade, a pesar dos paus da oposición e non ter aprobado ningún orzamento en catro anos e destaca o bo entendemento que tivo coa Xunta e coa deputación. “É perfecta”, di sobre a relación con José Manuel Baltar.

Por Xurxo Salgado | Ourense | 24/05/2019 | Actualizada ás 15:21

Comparte esta noticia

Levas catro anos de goberno e catro anos moi complicados?
Foron catro anso moi duros debido ao bloqueo da oposición xa que Democracia Orensana e o PSOE adicaronse a bloquear cada proxecto que se presentaba. Se houbo dúas traicións grandes foron o bloqueo do Pacto Social ao impedir ter máis horas da Lei da Dependencia e logo está a oposición ao Plan Xeral que aprobaran eles. A partir de aí foi un mandato de moita cooperación con outras administracións que serviu a Ourense a sacar adiante outros proxectos importantes para a cidade...

E cales son eses proxectos?
Pois moitos. Desde o centro interxeracional, a residencia para maiores, a biblioteca pública, o museo arqueolóxico, o arquivo histórico...

Pero iso que me dis foi todo coa axuda da Xunta, do teu partido?
Coa Xunta e outras administracións. Nós reformamos rúas e fixemos parques, como o da Alamada do Cruceiro ou rúas como a do Concello, a presa da Barraña. Solventamos problemas xudicializados da época socialista como o da Residencia Universitaria, que estaba pechada. Tamén o novo hospital. E que o anterior mandato 2011-2015 paralizou a cidade por motivos xudiciais.

Pero quen xudicializou esa vida política?... Porque ao final estase vendo que non hai ningúen condenado...
Neste momento hai algún ex concelleiro socialista imputado.

Pero o resto foron desimputados como pasa con cargos, alcaldes e concelleiros do PP, mentres que outros tamén seguen pendentes de sumarios xudiciais...
Si, pero eu non quero entrar niso. A min o que me interesa é que na cidade pouco se fixo na etapa socialista. Cando nós chegamos ao goberno o primeiro que fixo Aquaes foi reclamarnos 24 millóns de euros polos problemas da Edar. E este foi un dos moitos exemplos. Este tipo de problemas foron habituais cando chegamos. Ver como había un montón de cousas que non estaban pagadas.

Eu entendo que tentes responsabilizar ao anterior goberno pero hai unha cousa que para min é importante e é que foi a única das grandes cidades na que non se conseguiu aprobar uns orzamentos, por exemplo. E iso é, curiosamente, o que sempre lle critica o PP ao resto de partidos cando está na oposición. Non ser quen de aprobar orzamentos, como fixo con Pedro Sánchez ou con algúns gobernos das mareas
Perfecto. É verdade que non fomos quen de aprobar uns orzamentos pero é que nós, cando chegamos, o primeiro que fixemos foi un plan económico financeiro que houbo que negociar duramente coa Xunta para poder pagar aos nosos proovedores e concesionarias. E mira ata que punto chegou a ser ruín a oposición que nos votaron en contra dese plan. Ese plan foi o 2015 e 2016, polo medio houbo que solventar un problema funcionarial e houbo que recorrer ao Consello de Contas, e no 2017 tentamos chegar a acordos co PSOE e mesmo lle ofrecemos unha libreta en branco. E isto é moi fácil de entender. Os orzamentos de Ourense son 100 millóns. O único que lle dixemos foi que respectaran a parte social que é o que querían. E logo tras marearnos con documentos e formas de negociación foron atrasando ata que pasou o ano. No 2018, volvemos tentalo.

Pero houbo reparos de intervención?
É certo que nos puxo o interventor reparos pero eran en cinco pequenas cuestións. E iso xa lle pasou ao PSOE, no 2014, nunha Xunta de Goberno de decembro que veu con once reparos do interventor que dicía que os orzamentos eran perfectamente anulables. Pero no noso caso non dicía que foran anulables, senón que había que reparalos. E o PSOE o que fixo foi agarrarse a iso para non apoiarnos. Nós somos dez de 27 concelleiros. A oposición non foi quen de poñerse dacordo para presentar uns orzamentos tampouco. E por iso eu decidín someterme a unha moción de confianza e eles votaron en contra de que o puidera facer con carácter extraordinario. E iso non é leal.

Pero ti tes que entender que eles son oposición e nalgúns casos cando vós, o PP, sodes oposición, facedes o mesmo...
Bueno, eu non faría como fixo o PSOE.

Ti cres que non?
Non. Segurisimo.

Ti se agora pasas á oposición en Ourense e goberna o PSOE, apoiarás ao PSOE?
Claro que si. Porque se o apoiou á cidadanía, porque non. É o normal. O que non pode ser é vir cunha oposición destructiva como fixeron eles. Como podemos negociar con quen non ten propostas e logo chega ás xuntanzas e di sempre: “xo veremos, xo veremos, xo veremos”.

É que para a oposición sempre é máis doado que para o goberno
Será, pero esa actitude é moi ruín.

Jesús, pero iso tamén pasa nas cidades nas que non hai acordos de goberno e onde o PP está na oposición como Compostela, Lugo, Ferrol ou A Coruña...
Eu non falo do resto. Eu falo do que eu faría.

Pero é contradictorio coa posición que mantén o teu partido nesas cidades, por exemplo, onde vota sempre en contra de case todo
Repito. Eu non falo doutras cidades. Jesús Vázquez Abad é moi distinto e o demostrou. E cando eu tiven que poñerme en contra do meu partido para reclamar a execución da Biblioteca Municipal ou do Arquivo Histórica, opúxenme. E puxen nomes e apelidos de ministros do meu partido. Cando tiven que chantarme en Madrid para defender a variante exterior puxen a voz en alto nese mesmo momento. Polo tanto, iso non me vale.

Ben, digamos que te compro esa argumentación. Pero como sempre me falas da posición destrutiva do PSOE porque non apostaches pola segunda opción, a de Jácome, por exemplo?
Pois porque Jácome é unha persoa da que prefiro non falar. É unha persoa que non ten sentido de cidade, que non fai propostas realizables, que fai da política un circo e que, ademais, é imposible falar con el, porque aos dous minutos xa está publicado, e, ademais, terxiversado.

Ousexa, non é de fiar?
Dino unha ex compañeira que acaba de marchar. Ou ex compañeiros que xa marcharon antes. Aínda que isto non é desculpa porque non entendo que as ideas e as actitudes do señor Jácome teñan votos. Nin as actitudes del, nin a súa maneira de proceder. Prometeu parques acuáticos á cidadanía en zonas inundables, por exemplo.

E como é que, supostamente, nin ti nin Villarino poidades ver a Jácome e logo vos andedes pelexando a conta del; que se hai pactos segredos, que se faladas ás agachadas...
Iso díxoo o propio Jácome. Cada quen ten que apandar coas súas e iso é o problema de falar con el e ese era o problema  polo que Barquero e Carmen Dacosta non querían falar con Jácome porque coñecen ben a Jácome. Pero as ansias de poder provocan estas cousas.

E ti cres que Rafa Villarino non o coñece?
Villarino non coñece nin a cidade. Non vota nin aquí. E a mostra está nun debate que tivemos na que un señor lle sacou un papel para ameazalo. Eu xa dixen claramente que non había un pacto con Democracia Orensana porque sería a fin da actividade social e cultural nesta cidade e son dous parámetros fundamentais para min. E ao señor Villarino, cando se lle preguntou, non dixo que non. E dous días despois Jácome descubre que se sentaron nun piso traizoando ao seu propio partido. A min non me gustaría decatarme ou saber que alguén do meu partido está negociando por detrás sen que eu o saiba. Iso é deslealdade e intrigas.

Pero ti cres realmente que vai a haber un pacto entre Jácome e o PSOE se dan os números?
Clarisimo.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez (PP), nunha entrevista
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez (PP), nunha entrevista

E que o PSOE apoie a Jácome de alcalde?
A cambio de algo, si.

A cambio, de que?
Prefiro non dicilo. Aquí está en xogo un sillón e outros intereses. Desde logo, eu non. En catro anos non o fixen, nin o farei. A lealdade, honestidade e honradez foron o meu cabalo de batalla nestes catro anos.

E ti pactarías co PSOE?
E pactaría con forzas moderadas. Eu xa lle ofrecín ao partido socialista tres veces entrar a formar parte do meu goberno.

E entrarías ti nun goberno deles?
Ao mellor si. Depende de cales sexan as propostas, porque o importante son as propostas porque o que máis importante é a cidade. E que aquí hai que ter en conta o que entra en política para gañar da política ou para servir aos demais, que son cousas ben diferentes. Eu iso téñoo moi claro. Eu non vivo da política. Eu teño a miña profesión e a miña vida e estou en política para desenvolver unhas ideas. Podo levalo a bo porto ou non. Iso terá que decidilo a cidadanía. Pero eu non descarto ese tipo de pactos porque Ourense precisa unha maioría. Porque precisamos desa maioría para rematar moitos proxectos iniciados. E se me preguntas, hoxe estou moito máis de acordo co PSOE ou Ourense en Común que con Democracia Orensana, mil veces. Pero, logo, cando presentamos un pacto social pois non tivemos ese apoio. É máis o PSOE atacou duramente á concelleira.

Pero iso lémbrame tamén a toda a época de Paco Rodríguez como alcalde da cidade e o xogo de denuncias do PP contra el?
Pero ese xogo é distinto. Hai unha persoa que se presentou no anterior mandato e dixo que a alternativa era el ou eu, pero que lle daría apoio ao goberno. E logo non foi así. E, ademais, logo o PSOE tivo unha posición interna moi destrutiva. Eu estou convencido de que se Ourense en Común tivera máis concelleiros poderiamos ter chegado a acordos con eles e mesmo chegar a alianzas.

Iso eu o vexo case imposible logo das criticas furibundas que houbo desde o teu parido cara ás mareas...
O problema aí foi que entre Ourense en Común e o PP non chegabamos á maioría. Por exemplo, no tema da ordenanza do botellón aceptamos todas as propostas políticas do PSOE e OC. E logo votaron en contra. Por iso é importante que a cidadanía o saiba.

Mira. Pero o PP tamén tivo problemas internos por que, senón, como se entende a fichaxe de Manuel Araujo por Ciudadanos?
Pois que el adoptou unha decisión persoal e eu fun o último en sabelo.

Imos ver. Como vas ser o último en sabelo se é o teu número dous?
Pois non.

Entón é que non coñeces á túa xente...
Igual é que hai algunha xente que non responde aos mesmos parámetros que teño eu. A min me chamou a noite anterior a Secretaria Xeral de Medios da Xunta (Mar Sánchez) para dicirme que lle chegara unha mensaxe dun xornalista de Ourense para dicirlle que Araujo marchaba do PP. Eu, entón, non tiña idea do tema. Tenteino chamar desde as once da noite e non me colleu o teléfono a pesar de chamar varias veces. Foi ás oito e cuarto do día seguinte cando me enterei.

E vai ter isto incidencia na campaña?
Non o sei. Non quero falar diso...

E pactarías con Araujo despois de ser tan desleal contigo?
Sempre dixen que pactaría polo ben da cidadanía con partidos moderados que busquen o interese da cidade. Non entro en cuestións persoais. Podo falar con el igual que podo falar con Villarino ou con Martiño, aínda que non me fíe do señor Villarino. Eu digo non a Democracia Ourensana porque é moi destrutivo para esta cidade.

Ao mellor tería que gobernar para que a xente vira quen é, non?
Pero as cousas que se destrúen custan logo moito tempo levantalas. Destruír pódese destruír nun día, pero construír é moi difícil. A Pokémon destrozou este concello, por exemplo, en días. Seis anos despois seguimos pagando as consecuencias. E non falo dos políticos, nin polo ex alcaldes, que teño moito respecto por eles.

E volvamos a hai catro anos. Non foi duro para ti deixar a consellería e vir a Ourense?
Sabía que era duro. Todo o mundo me falaba dos problemas. E foi máis duro do que pensaba porque eu son unha persoa optimista e crezo na adversidade. Pero foi duro porque eu estaba convencido de que co candidato do PSOE de entón podiamos chegar a máis acordos. Tiñamos unha relación persoal e pensei que era posible e máis doado. Coñeciamos desde había 24 anos. Pero non foi así.

Entón descubriches o que é a cara da política municipal?
Si, e é máis dura que a política autonómica e que a estatal.

E non botas de menos a época de conselleiro?
Non, pero creo que fixen unha labor boa na Consellería de Educación e Cultura a pesar de ter seis anos de recortes nos orzamentos. Foron seis anos con Feijóo, nunhas circunstancias moi concretas, e con grandes proxectos que fixemos a pesar dos cartos. Foron moi duros tamén co tema da lingua e dos axustes. E que case non se podían nin pagar nóminas. Foron momentos duros pero nestes catro anos de política municipal foron aínda máis duros por tentar converter a política nun circo.

E, aínda así, non aprendiches a lección para volver presentarte?
Porque cando hai paus pois a min gústame o reto de superalo.

E se ese pau che pon na oposición?... Aí tes os casos de Agustín Hernández ou Elena Muñoz cun traballo moi duro na oposición logo de ser conselleiros...
Pois exercerei onde me poñan. É unha decisión que a tomei con todas as consecuencias. Eu non entrei na política como un elemento mensual. Perdín, iso si, cuestións persoais pola política.

E se se perde Ourense e non se acadan outras cidades, sería unha gran ferida para o PP?
Eu creo que non se vai dar esa circunstancia. E se dá pois a cidadanía tería un grave problema. E non é cuestión de culpas da cidadanía. Cando eu estiven de conselleiro, o alcalde da miña cidade non me pediu nada. Cando fun alcalde eu pedinlle a todos os conselleiros. E non é cuestión de sectarismos porque o PP é o partido menos sectario que hai. Feijóo recibe a todos os alcaldes, por exemplo.

E recibiría a Jácome?
Coñecendo a Alberto estou seguro de que si e en breves días. Alberto quere moito a Ourense.

E Baltar tamén, non?
Quere moito a Ourense e supoño que a todo o mundo.

E que tal a túa relación con Baltar?
Estupenda. Eu lévome ben con todos e iso a pesar dos bulos doutros partidos. A miña relación con Baltar é perfecta. Eu estou moi contento coas estruturas do meu partido. Teño un presidente provincial, outro autonómico e outro nacional. E a miña relación sempre é perfecta, como nos meus outros traballos. E Baltar cando lle pedín de participar en proxectos, pois participou. Non me falou esa man da Deputación.

E que lle dirías aos ourensáns para que confíen en ti?
Eu creo que os ourensáns xa me coñecen como persoa e alcalde. O Jesús que é alcalde é o mesmo que era cando estaba na facultade e que quere a Ourense cun proxecto que queremos seguir mellorando con grandes logros. Houbo lealdade, humildade e paixón por Ourense. E o que esta cidade necesita son políticos que traballen por esta cidade e non que vivan da cidade.

El alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, en rolda de prensa
El alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, en rolda de prensa
Baltar, Feijóo e Jesús Vázquez nun mitin
Baltar, Feijóo e Jesús Vázquez nun mitin | Fonte: PPdeG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

3 De Galicia

Jesusito, o político adolescente de selfie permanente, é o mais penoso líder político galego. Catro anos sen aprobar un orzamento, sen facer absolutamente nada, a cidade feita unha m. e aínda segue de candidato.

1 Sentidiño

Faltoulle ousadía, iso é certo. Non é doado gobernar con dez concelleiros nunha corporación de vinte e sete, mais houbo situacións aínda máis difíciles, coma a de Ferrol. Contodo, é unha persoa decente, iso en Ourense sábese. O cargo non lle acae, e mañá por fin ha ser libre...

2 Gamela

Foi o Conselleiro de Educación que descontaba 60 € por cada día de baixa médica aos seus funcionarios... e agora agárrase ao sillón e mesmo estaría disposto a pactar con quen disque é desleal con Ourense...? Daqueles polvos estes lameiros... pero os ourensanos seica sonche desa maneira: os cartiños sempre son o primeiro !!!

1 Sentidiño

Os de Ourense son de todos os tipos, menos simplistas. Pareces Díaz Ayuso: saes a parvada por minuto.

2 Limiau

Vai de persoa moderna e cae na típica pailanada viguesa. Le un pouquichin, gamelillas, mal non che fará. E faite mirar o de insultar o inmigrante ourensán en Vigo, porque iso é microrracismo e ti es moi progre, ou non?

3 Gamela

Seica as verdades agora chámanse microrracismos... Tí viches algunha vez que che fagaran pagar por estar enfermo? Eu vino cando este "anano" chegou á Consellería de Educación!

1 Wilde

Sempre ó sol que máis quenta. Mantén a Ourense no Baltarato (unha das provincias máis pobres e envellecidas de Europa e á cola de todas as estatísticas positivas e marcadores de desenrolo, do envellecemento mellor nen falar, lumes endémicos, destrozo mineiro, etc). Que Baltar co historial que ten siga no cargo é de xulgado (non gosta de perder o tempo en ligar o presi, vai directo...) pero que D. Jesús pertenza ó ppartido homófobo (é do trifachito), corrupto, condeado, antigalego e antigaleguista (diso último sabe moito iste home, ver hemeroteca na súa etapa Xunta)... E pensar que Ourense foi a Atenas galega da Xerazón Nós!