Temas: ELECCIóNS

Foliadas, deporte, ir tomar o vermú ou a traballar, plans dos candidatos na xornada de reflexión

A maioría dos políticos aproveitan o parón da maquinaria electoral para pasar tempo coa familia e os amigos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2019 | Actualizada ás 20:31

Comparte esta noticia

Pasar tempo coa familia e os amigos, saír a pasear ou a andar en bicicleta son as actividades escollidas pola maioría dos líderes políticos e candidatos ás eleccións municipais e europeas que se celebran este domingo. Con todo, algún opta por outras opcións, como participar nunha foliada e mesmo por ir traballar neste día de descanso da actividade política.

Votación
Votación | Fonte: EP

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, opta este sábado por ceder o protagonismo aos candidatos de cara a esta cita coas urnas de forma que non terá axenda pública e pasará o día coa súa familia.

En canto aos aspirantes do PP ás alcaldías das cidades, tanto Beatriz Mato (A Coruña) como Ramón Carballo (Lugo), reuniranse con apoderados e interventores nunha xornada na que tamén estarán cos seus achegados.

Precisamente, os seres máis próximos serán a opción elixida por Jesús Vázquez (Ourense), que aproveitará para celebrar os aniversarios da súa nai; así como por José Manuel Rey Varela (Ferrol), que aproveitará para estar coa súa muller e fillo antes de participar nun acto en Catabois. Tamén pasará o día con familiares o candidato do PPdeG ao Parlamento Europeo, Millán Mon.

OPCIÓNS DOS SOCIALISTAS

O xefe de filas dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, dará un paseo con membros da dirección do PSdeG pola zona da Praza de Cervantes de Santiago de Compostela. Ademais, o candidato nesta cidade, Xosé Sánchez Bugallo, prevé aproveitar a xornada para facer unha das súas actividades favoritas, saír a andar pola ruta do río Sarela.

Así mesmo, o aspirante dos socialistas galegos ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, aproveitará a mañá para dar un paseo pola Serra do Candán. Tras iso, asistirá ao partido do Balomán Lalín e a unha carreira para finalizar a xornada ceando cos seus amigos e parella.

Manterá a súa actividade como alcalde --con ata oito actos-- o rexedor e candidato do PSOE en Vigo, Abel Caballero, quen oficiará vodas na cidade nun día no que os amigos e a familia tamén serán a opción pola que se decantarán os candidatos do PSOE na Coruña, Inés Rey, e Ferrol, Ángel Mato. Este último, previamente, xantará nunha cafetaría do barrio de Canido e fará deporte.

Pola súa banda, o aspirante en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, andará en bicicleta polo paseo do Miño xunto a outros candidatos socialistas e participará no 'bingo socialista' que organizan as mocidades do seu partido na sede local.

ACTIVIDADE DAS MAREAS

O portavoz de En Marea, Luís Villares, acompañará ao candidato á Alcaldía de Lugonovo, Xosé Chorén, nun paseo polo barrio de San Lázaro de Lugo antes de desprazarse a Ribadeo para participar nunha foliada organizada pola súa familia e amigos.

Na mesma xornada, a eurodeputada e candidata da coalición Compromiso por Europa, Lídia Senra, irá facer a compra ao Mercado Labrego dos Tilos, en Teo; mentres que a aspirante galega á Eurocámara de Unidas Podemos, Vanessa Angustias, descansará e estará coa familia.

Todo iso nunha xornada na que o aspirante a revalidar a alcaldía de Santiago por Compostela Aberta, Martiño Noriega, pasará o día coa súa familia; opción pola que tamén se decanta o candidato de Ferrol en Común, Jorge Suárez, quen, entre outras actividades, acompañará ao seu fillo a un torneo de fútbol escolar.

Ademais, o aspirante a revalidar a Alcaldía da Coruña pola Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, irá á Festa dos Chicharróns de Feans, á que tamén acudirá o candidato do Bloque, Francisco Jorquera.

TOMAR O VERMÚ POLA ZONA VELLA

Precisamente, a líder dos nacionalistas galegos, Ana Pontón, volverá optar por tomar un vermú pola zona vella da capital galega acompañada pola candidata local, Goretti Sanmartín. En concreto, irán ao café Agarimo de zona vella.

Pola súa banda, a aspirante do Bloque ao Parlamento Europeo e candidata da coalición Agora Repúblicas, Ana Miranda, irá ao Festival de Cans.

Así mesmo, o alcalde de Pontevedra e aspirante do BNG a revalidar o cargo, Miguel Anxo Fernández Lores, acudirá a unha cafetaría panadaría recentemente aberta na cidade; mentres que o candidato en Lugo, Rubén Arroxo, participará unha carreira solidaria contra o cancro.

Pola súa banda, do mesmo xeito que todos os sábados, o candidato do Bloque á Alcaldía de Ourense, Luís Seara, fará a compra na Praza de Abastos da cidade nunha xornada na que o aspirante nacionalista á alcaldía de Ferrol, Iván Rivas, oficiará unha voda civil no Torrente Ballester.

CIUDADANOS

O candidato de Ciudadanos á Alcaldía de Pontevedra, Goyo Revenga, traballará na súa óptica de 10,00 horas a 13,00 horas. Ademais, a candidata en Lugo, Olga Louzao, realizará distintos labores na explotación de gando familiar.

Aínda que o aspirante desta formación en Ferrol, Alejandro Langtry, comerá co seu equipo de campaña, outros candidatos da formación aproveitarán este día no que se para a maquinaria electoral para ver á familia, como é o caso da candidata de Santiago, María Vilas, ou o de Vigo, Javier Alonso.

Deste xeito, a familia é a opción maioritaria dos políticos que este domingo concorren ás urnas, como é o caso do líder de Democracia Ourensá, Gonzálo Pérez Jácome, quen paseará coa súa nai nunha xornada na que volverá saír a correr tras unha intensa campaña electoral.

Temas: ELECCIóNS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta