Inés Rey comprométese a "non defraudar" aos coruñeses e ofrece "diálogo" aos demais grupos

Nunha intervención arroupada por militantes e por membros da candidatura, agradeceu de "corazón" este resultado e tamén o traballo levado a cabo nesta campaña.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 27/05/2019 | Actualizada ás 01:53

Comparte esta noticia

A candidata socialista á alcaldía da Coruña, Inés Rei, comprometeuse a "non defraudar" aos coruñeses, nunha comparecencia ante os medios de comunicación tras confirmarse a subida do PSOE en número de concelleiros respecto de 2015, pasando de seis edís a nove. Como "primeira forza de esquerda", tras un resultado que outorga nove concelleiros ao PP, seis a Marea Atlántica, dúas ao BNG e un a Cidadáns, ofreceu "diálogo" ao resto dos grupos políticos. "Mañá --dixo en referencia a este mesmo luns-- empeza o duro, pero estamos preparados", apuntando xa á necesidade de acordos.

Antes, nunha intervención arroupada por militantes e por membros da candidatura, e recibida con berros de 'alcaldesa', agradeceu de "corazón" este resultado e tamén o traballo levado a cabo nesta campaña. "Grazas ao PSOE porque fai sete meses déstesme a oportunidade de liderar este proxecto", dixo moi emocionada. Ademais, subliñou que se deu o paso de optar a ser candidata foi para "deixar unha cidade mellor" aos seus fillos.

"MENSAXE CLARA" DOS CORUÑESES

Nun discurso no que felicitou ás demais forzas políticas que obtiveron representación, tivo tamén palabras para incidir en que o "proxecto de esquerdas" do PSOE serviu de "muro á dereita e ultradereita". "Os coruñeses deron unha mensaxe clara de que non queremos unha cidade durmida e o pim-pam-pum político", expuxo, ademais, en alusión á xestión da Marea Atlántica.

Convencida de que "co apoio" de Pedro Sánchez, a cidade conseguirá "as infraestruturas que tanto esperamos", comprometeu "novos equipamentos deportivos, sociais e educativos" para que A Coruña sexa "unha cidade puxante" e xeradora de emprego. "Serán catro anos intensos para recuperar o tempo perdido e demostrar aos coruñeses que elixiron ben", sinalou nunha intervención na que subliñou que o obxectivo será que a cidade "avance".

Inés Rey / @fitoferreiro /mundiario
Inés Rey / @fitoferreiro /mundiario

BEATRIZ MATO

A candidata do PP á alcaldía da Coruña, Beatriz Mato, reivindicou a esta formación como o partido "gañador" na Coruña, a pesar de perder un concelleiro respecto dos comicios municipais de 2015 e obter un total de nove edís. En rolda de prensa, defendeu que o PP se presentou "co mellor equipo". "E sígoo dicindo", expuxo reivindicando tamén o "proxecto de cidade" co que concorreron.

"Unha vez máis os coruñeses deron a vitoria ao PP, co 30,20% o PP é o gañador destas eleccións", sentenciou a candidata popular. Ademais, insistiu en que recibiron "máis apoios" que en 2015. Agora, tras este resultado, e despois de que o PSOE obtivese tamén nove concelleiros, outro seis Marea Atlántica, dúas o BNG e un Cidadáns, dixo que "queda por diante se o proxecto gañador vai ter a opción de gobernar".

"Ou se repite o tándem que existía no concello de María Pita", expuxo en alusión ao goberno en minoría de Marea Atlántica con acordos co PSOE en determinados asuntos. Sobre o resultado obtido, tras o descenso dun concelleiro fronte ao dez que lograron en 2015, vinculouno "coa sombra" das eleccións xerais. "Pero a realidade é que gañamos un 18% máis de confianza que a que tiñamos hai un mes, nas xerais e o PSOE perdeu case un 25% da confianza", engadiu. Ademais, remarcou que o resultado de Marea Atlántica foi "un fracaso estrepitoso".

CIUDADANOS

A candidata de Ciudadanos á alcaldía da Coruña, Mónica Martínez, cualificou como "un gran resultado" o feito de que a formación laranxa obtivese representación no concello herculino. No entanto, en declaracións aos xornalistas, admitiu que esperaban "máis" despois de que as sondaxes désenlles ata tres edís fronte ao resultado obtido, unha concelleira por esta cidade.

Mónica Martínez subliñou o feito de que ela, finalmente, acceda á corporación municipal "porque se partía de cero". "O importante era entrar", insistiu. "Un 5,8% de votos parécenos moi positivo, é un reflexo do que é Ciudadanos", engadiu remarcando o feito de que a formación laranxa "siga crecendo". "Aos poucos, pero aumenta a súa presenza", apostilou en alusión ao contexto nacional.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta