Galicia volve virar cara á esquerda

Os socialistas poden gobernar en seis das sete cidades galegas e poderían controlar tres deputacións. A hexemonía de Feijóo pode tocar ao seu fin. As grandes mareas e Unidas Podemos afúndense. O BNG recupera folgos e Ciudadanos comeza a asentarse nos concellos.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 27/05/2019 | Actualizada ás 02:08

Comparte esta noticia

As eleccións municipais e europeas en Galicia volveron deixar un novo gañador; o PSde-PSOE. O efecto Pedro Sánchez das xerais volveu influír no electorado, así como o afundimento electoral do PPdeG nuns comicios que, históricamente, sempre lle foran propicios. Agora, as cartas están do lado socialista que podería gobernar seis das sete grandes cidades galegas. Unha situación inédita para este partido en Galicia.

Feijóo, nun acto con Pablo Casado
Feijóo, nun acto con Pablo Casado | Fonte: PPDEG

E o certo é que o poder que vai amasar o PSdeG é inmenso. Ademais de seis cidades, tamén podería gobernar tres deputacións, á espera do que aconteza en Ourense e Lugo, con resultados moi axustados. Un poder que, tras o sorpaso ao PP tamén nas xerais, pon aos socialista en clara disposición de arrebatarlle o mando a Feijóo tamén nas autonómicas. 

O líder do PPdeG é un dos grandes derrotados da xornada. O seu partido fiou nel a posibilidade de recuperar o poder nas grandes cidades. Feijóo estivo nas sete grandes urbes varias veces durante a campaña e, nalgúns casos, visitou atra tres cidades nun mesmo día. Por iso, a derrota do seu partido na Galicia urbana, é tamén a súa derrota persoal.

AS DÚAS GALICIAS

De feito, estes comicios deixan unha Galicia partida en dous; a Galicia atlántica e a Galicia do interior. A primeira, máis urbana, aposta pola esquerda e polo PSOE, a segunda, aínda que cada vez máis feble, segue sendo un bastión do PP. As deputacións de Lugo e Ourense, pendentes aínda dos últimos recontos, son fiel reflexo desta situación. O PP aspira a recuperar a de Lugo, aínda que o tería difícil, igual que tamén pende dun fío conservar a de Ourense, provincia na que en votos, xa é maioría a esquerda.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, con Gonzalo Caballero
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, con Gonzalo Caballero | Fonte: Europa Press

Os outros grandes derrotados da xornada son as mareas e a confluencia de Unidas Podemos. A decisión de presentar ata tres listas nalgúns sitios, como en Ferrol, Lugo ou Ourense, penalizou fortemente a este espazo xurdido das mareas. Uns espazos que perdeu forza en todas as grandes cidades e que desaparece de Lugo, Ourense e Pontevedra. Ademais, en Ferrol, A Coruña e Compostela, quedaron relegados a ser as terceiras forzas tras unha gran debacle e a perda de miles de votos. Está por ver o futuro dos tres rexedores; Martiño Noriega, Jorge Suárez e Xulio Ferreiro que poderían retirarse da escena política.

Estes comicios tamén deixan a recuperación do BNG, que, con todo, non é todo o agradable que desexarían os nacionalistas. Miguel Anxo Fernández Lores, a gran aposta do Bloque nestes comicios, perdeu un edil con respecto a hai catro anos. Con todo, o Bloque está de noraboa. Volveu a Ourense e Vigo, cidades das que desaparecera en 2015, incrementou a súa presenza na Coruña, mantense en Ferrol e en Santiago e pode chegar a cogobernar en Lugo tras o incríble ascenso de Rubén Arroxo.

Por outra banda, formacións como Ciudadanos, que se mantén naquelas cidades onde xa obtivo representación hai 4 anos, estáncase. Continúa en Lugo, A Coruña e Pontevedra e aparece con forza en Ourense, con tres. Está por ver se o fenómeno C's se extende por Galicia ou só queda como forza urbana.  O que si deixaron claro estes comicios é que os galegos non queren á ultradeita. Vox estivo moi lonxe de acadar representación nas grandes urbes galegas.

E esta noite electoral tamén deixa sorpresas, como a maioría absoluta do PSOE de Tui, unha cidade ingobernable nos últimos anos ou a nova victoria de Xosé Crespo en Lalín que volverá á alcaldía tras arrebatarlle o sillón de mando a Rafael Cuíña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 anonimo7298

De los 313 municipios que tiene Galicia, el PP gobierna en 179. Y si hablamos de las grandes ciudades de Galicia, el PP es el partido más votado en La Coruña, Lugo y Ferrol si bien no consigue formar gobierno en ninguna de éstas. Vamos, un giro a la izquierda tremendo. Mucho criticar a La Voz, pero GC es lo mismo pero con otro color.

1 Sentidiño

É un xeito de velo. A mín tamén me gusta ser positiva: Nas municipais galegas votou millón e medio de persoas. O PP acadou medio millón, o 33,3 % (son datos oficiais). Así que o PP representa un terzo do total de votantes. Nada menos, pero tampouco nada máis...

1 bua neno

¿De verdades credes que o P"SOE" é de esquerdas? ¿Non serán mais ben xentes de dereitas ás que lles alucina o diñeiro, que se consideran predestinadas para desfrutar do poder a conta da ideoloxía da auténtica esquerda, coa que se me mimetizan en campaña?

1 Regalos de Tres Estalos

Correcto. O partido do 135, do 155, da reforma laboral, das portas xiratorias, da financiación ilegal, da OTAN, dos 'republicanos' juancarlistas e felipistas, dos eres, de soster os privilexios dos curas e da banca, de esconder os defraudadores e de indultar delincuentes, o dos regalos e dos trepas... Acontece que os culpables de situar ao PsoE na esquerda son o PcE (IU e Podemos) e a UPG (BNG), pois danlle cobertura e disfraz (a cambio de colocacións interesadas para os trepas, que tamén hai, que dirixen Unidas Podemos e BNG), e os seus medios de desinformación. A dereita arrasou, e a esquerda non está nin se agarda (salvo Catalunya).