Os experimentos políticos dos ex socialistas Pachi Vázquez e Manuel Martínez quedaron en nada

O mellor resultado de Espazo Común foi Piñor, onde obtivo o segundo posto e, no Carballiño, o terceiro. Martínez repetiu a maioría absoluta que xa tiña co PSOE, pero desta volta, con Galicia Sempre.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2019 | Actualizada ás 10:04

Comparte esta noticia

Os experimentos electorias do ex secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, e do ex presidente e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, quedaron en nada. A súa presenza será case residual nas provincias de Ourense Lugo.

Pachi Vázquez presenta Espazo Común, o seu novo partido que presentará candidatura. EUROPA PRESS - Arquivo
Pachi Vázquez presenta Espazo Común, o seu novo partido que presentará candidatura. EUROPA PRESS - Arquivo

Así, Espazo Común, o partido fundado polo exsecretario xeral do PSdeG Pachi Vázquez, quedou de terceira forza no Carballiño (Ourense), a súa localidade natal, por detrás de PSOE e PP, ao lograr 1.500 votos.

Na provincia ourensá, Espazo Común presentábase noutros oito concellos e obtivo representación en catro: Piñor (outro tres edís, con 362 votos e como segunda forza, por detrás do PP e por diante do PSOE), Amoeiro (un escano con 119 votos), Maceda (un e 177 votos) e Carballeda de Valdeorras (un e 98 votos).

Mentres, queda sen representación na capital da provincia, ao levar 814 votos e tampouco consegue edís en Boborás (108), nin en Barbadás (77), nin en San Amaro (52). Nesta última localidade, Vázquez construíu unha vivenda de uso persoal. Por último, na provincia da Coruña, onde Espazo Común presentou unha lista no consistorio de Tordoia, recibiu 237 votos, co que lle corresponde un concelleiro.

MANUEL MARTÍNEZ

Pola súa banda, Galicia Sempre, a marca política impulsada polo exsocialista e polémico deputado provincial Manuel Martínez, logrou maioría absoluta en Becerreá, onde xa tiña maioría absoluta, e entrou noutros dous concellos da provincia de Lugo nas eleccións deste domingo.

O tamén presidente de Suplusa foi participe de diversos momentos de conflito co grupo provincial socialista de Lugo, marcadamente o último pleno da Deputación, no que protagonizou un tenso enfrontamento verbal co alcalde de Pol, Lino Rodríguez.

Martínez tamén foi a persoa que recentemente desvelou a investigación xudicial ao presidente da Deputación, Darío Campos, pola denegación de permisos para unhas obras no concello da Pontenova.

O único gran éxito electoral de Martínez foi manter a maioría absoluta que tiña en Becerréa, aínda que cun edil menos que quedou no PSdeG, o antigo partido de Martínez. 

A nova marca política de Martínez tamén conseguiu entrar noutros dous municipios. En Meira, a candidatura liderada por Enrique Castro contará cun representante no arco municipal, do mesmo xeito que en Sarria, lista liderada por Benjamín Escontrela.

A formación tamén se presentaba noutras dúas localidades, nas que non conseguiron representación. Así, en Lugo (con Carmen González á fronte), Galicia Sempre obtivo o 1,32 por cento dos sufraxios, mentres que en Burela, coa marca Burela Sempre e Carlos Peiteou liderando a lista, o 6,03 por cento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta