O PSdeG reclama a Feijóo que se posicione "hoxe mesmo" contra os pactos entre o PP e a ultradereita

Os galegos e galegas suspenderon unha vez máis ao PP e a Feijóo", subliñou Caballero, que apuntou que o presidente do PPdeG tratou de facer deses comicios unha "segunda volta" e volveu recibir un "non".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2019 | Actualizada ás 18:33

Comparte esta noticia

O xefe de filas do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, a situarse "hoxe mesmo" e dicir que o "o PP non pode pactar coa ultradereita en ningunha comunidade ou concello". Nunha rolda de prensa ofrecida este luns, o dirixente socialista retou ao líder dos populares galegos, que dixo que o PP se "centrou", a mostrar esa "mesura" e rexeitar o pacto con Vox para gobernar Madrid.

"É a proba de lume da súa credibilidade", advertiu o secretario xeral do PSdeG, que volveu a sinalar que cos resultados dos últimos comicios ábrese "un novo tempo político no país" despois de que a cidadanía volvese dicir "non " ao PP de Feijóo nas urnas. "Estamos moi satisfeitos", destacou Caballero, que incidiu en que o PSOE se reafirma como primeira forza tanto en España como en Galicia. "Representamos a opción de futuro", recalcou en referencia a Galicia.

Neste sentido, volveu a sinalar que os socialistas están chamados a liderar gobernos de progreso en seis do sete cidades. "Os galegos e galegas suspenderon unha vez máis ao PP e a Feijóo", subliñou Caballero, que apuntou que o presidente do PPdeG tratou de facer deses comicios unha "segunda volta" e volveu recibir un "non". "Seguiremos construíndo unha maioría de cambio", manifestou Caballero para incidir en que o PSdeG está en condicións de "liderar unha Galicia de progreso e de avance social" fronte ao "pasado" que representa Feijóo.

PACTOS

Preguntado polos criterios que manterá o PSdeG á hora de chegar a pactos nos distintos concellos, Gonzalo Caballero informou de que esta mesma semana reunirase a dirección do partido en Galicia para marcar as "liñas de acción". "O máis importante é entender que hai unha maioría social de progreso en todas as cidades galegas, no conxunto de Galicia, que nos corresponde liderar esa maioría social", apuntou.

Tras iso, definiu ao Partido Socialista como "un partido que sabe gobernar, que "lidera o progreso en Galicia e que estará á altura das circunstancias para dar avance social e estabilidade aos gobernos nas distintas cidades e deputacións".

PARLAMENTO DE GALICIA

Nunha rolda de prensa na que puxo en valor os resultados alcanzados nas distintas cidades, como o "crecemento espectacular en Santiago", Gonzalo Caballero asegurou que asumirá "cando corresponda" a súa acta como deputado do Parlamento de Galicia.

En concreto, o político vigués, que concorreu como número cinco nas listas do PSdeG por Pontevedra nas últimas autonómicas, --os socialistas fixéronse con catro escanos-- pasará a ocupar a acta que deixa Abel Losada, que foi elixido os comicios deste domingo como edil do Concello de Vigo. De face a este desembarco, o xefe de filas do PSdeG volveu a subliñar que a "o diálogo" co actual portavoz parlamentario é "continuo e diario", en "plena sintonía".

26M.M.- PSdeG avisa de que 'cada forza se retratará' na Deputación de Ourense e pide acabar co 'caciquismo'
26M.M.- PSdeG avisa de que 'cada forza se retratará' na Deputación de Ourense e pide acabar co 'caciquismo' | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Galeguiña

Sendo o PP dereita (ou centro-dereita), VOX é ultradereita. Sendo o PSOE esquerda (ou centro-esquerda), qué son as mareas, ou o BNG, que foi con BILDU ás derradeiras eleccións? Por qué se pode pactar co BNG ( Autodeterminación, independencia) e non con VOX? , ámbalas dúas formacións con propostas que non caben na Constitución.

1 Un calquera

Será porque uns respectan os dereitos humanos e os outros non? Defender pacificamente a independencia non é ningún delito, pero defender publicamente o franquismo ou a expulsión dos inmigrantes é inmoral, xa non digamos o que pensan das mulleres e a súa función, "Galeguiña" (ou ti es un machote? Que ao mellor si). A Constitución é unha lei humana, feita por humanos e que pode ser cambiada por humanos, vamos, que é algo puramente convencional froito de acordos e totalmente modificable democraticamente. O problema de Vox non é que faga propostas que non caiban na Constitución, o cal é perfectamente lexítimo e democrático. O problema de Vox é o que di e o que pensa, que atenta contra os dereitos humanos, contra a dignidade das persoas e contra dereitos recoñecidos hai moito tempo. Espero que che quedara claro

2 Galeguiña

Non son machote ningún nin son de VOX. Dito isto, respecta o comunismo os dereitos humanos? É “moral” defender o comunismo? Os dereitos humanos non foron “acordados” na Ilustración – Revolución Francesa? Si estes dereitos - valores son naturáis e previos a calquera convención, qué pasa, por exemplo, coa estructura da familia “tradicional”(coidado dos fillos, división do traballo, xerarquías…? Non me veñas dar clases de moralidade. É moral e lexítimo ir da man de partidos nos que militan persoas que defenderon ou ampararon as actuacións de asesinos de periodistas, policías ou concelláis? Por qué e inmoral estar contra a inmigración ilegal e combatir as “mafias” que a fan posible? Medidas coma 100 euros por fillo, prohibición de ventres de alquiler, ampliar permiso de maternidade a 180 días ou facilitar a flexibilidade de horarios para a conciliación figuran no programa do partido que cualificas de inmoral. Eu tamén espero que che quede claro.