"Posición aberta" do BNG de Pontevedra para alcanzar pactos "sen descartar" gobernar en solitario

O BNG ten prevista unha reunión esta semana para "analizar os resultados" das eleccións municipais e determinar "que liñas imos seguir". O PP afirma recuperar " a ilusión despois de moito tempo" ao "reducir distancia" co Bloque.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2019 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

O portavoz do goberno local de Pontevedra, Raimundo González, asegurou que, a día de hoxe, "non hai nada predeterminado" en canto a como se afrontará o próximo mandato, pero o BNG manterá unha "posición aberta" sobre posible pactos, "sen descartar", en todo caso, gobernar en solitario.

Segundo explicou Raimundo González, "pode haber conversacións co Partido Socialista", aínda que "non descartan tampouco gobernar en solitario". Este escenario por definir, dixo, mesmo afecta a que tampouco están "predeterminadas nin as áreas de goberno", en relación coas persoas que saíron elixidas como concelleiras. A excepción, iso si, é que a persoa que debe asumir a Alcaldía de Pontevedra é Miguel Anxo Fernández Lores.

O BNG local ten previsto unha reunión esta semana para "analizar os resultados" das eleccións municipais e determinar "que liñas imos seguir". Antes, este mércores, a Executiva Nacional do Bloque reunirase para analizar o panorama galego.

Como é habitual, na asemblea local planificaranse " o catro anos que veñen". "Por tanto, non imos tomar unha decisión rápida e inmediata", advertiu Raimundo González. "Teremos que analizar todas as posibles consecuencias", engadiu o portavoz do goberno local, quen dixo que, a partir de aí, "tomaranse as decisións que correspondan".

Miguel Anxo Fernández Lores
Miguel Anxo Fernández Lores | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

PP

"O Partido Popular de Pontevedra recuperou a ilusión despois de moito tempo". Así o asegurou o presidente local do partido e candidato á Alcaldía, Rafa Domínguez, nunha comparecencia este martes ante os medios de comunicación para facer unha valoración "máis acougada" sobre os resultados obtidos nas eleccións municipais do domingo.

Domínguez destacou que para o PP de Pontevedra "os resultados foron bos ás claras" xa que "melloran os datos de hai catro anos en porcentaxe, pero tamén os das eleccións xerais". Ademais, subliñou que reduciron " distancia co BNG de 5 a 2 concelleiros" debido a que "soubemos facer ver aos pontevedreses que hai unha alternativa a Lores".

O presidente local do PP tamén destacou a melloría que obtiveron no rural e no barrio de Monte Porreiro.

Neste contexto, Rafa Domínguez lembrou que Pontevedra foi a única cidade das sete grandes de Galicia nas que o PP, "nun contexto tan difícil como vir dunha derrota nas eleccións xerais, logrou dous concelleiros máis".

"É distinto subir dous concelleiros contra un goberno establecido, cun alcalde con 20 anos de experiencia, un alcalde rochoso; que subir contra un goberno das mareas que está en clara descomposición", puntualizou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta