Feijóo defende, agora, un pacto coa ultradereita

Apoia que o PP se apoie en Vox pero sen formar goberno cos de Abascal. Ata agora sempre negara este pacto.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2019 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

Tras repetir ata a saciedade que el non defendía un pacto con Vox, o presidente da Xunta e líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, defende, agora, todo o contrario. Así que se amosa favorable a o PP se apoie en Vox onde o necesite para alcanzar alcaldías ou presidencias pero sen permitir que o partido que lidera Santiago Abascal entre a formar parte dun goberno de coalición, a semellanza do que ocorre en Andalucía.

A preguntas dos medios este mércores na rolda de prensa posterior á reunión do seu executivo, o mandatario autonómico enxalzou o "modelo andaluz" co que o popular Juan Manuel Moreno alcanzou a Presidencia da Xunta. Para Feijóo, ese debe ser o exemplo a seguir para valerse dos representantes de Vox sen que estes entren nos gobernos.

"A min non me gusta ese partido (Vox), como aos galegos", espetou Feijóo tras apuntar que o PPdeG non ten a necesidade de alcanzar acordos co partido de Abascal tras as eleccións do 26 de maio porque Vox non logrou entrar en ningunha corporación local de Galicia. "Os galegos enviaron unha mensaxe de que non lles gusta ese partido. A min tampouco me gusta", incidiu.

Neste sentido, remarcou que o acordo alcanzado en Andalucía entre PP, Cs e Vox para facilitar a investidura de Moreno sen que os últimos entrasen no goberno debe ser o modelo a seguir polos populares á hora de afrontar os pactos post electorais naquelas institucións onde precisen dos apoios do partido de Abascal.

"O acordo (andaluz) é homologable a calquera país europeo. Estamos orgullosos dese acordo", incidiu Núñez Feijóo, que, con todo, recoñece que os pactos deben ser avaliados de maneira individual polas características propias de cada territorio e institución.

Alberto Núñez Feijóo, co presidente do PP, Pablo Casado, e o da Junta de Andalucía, Juanma Morenom, na manifestación en Madrid contra Pedro Sánchez, secundada tamén polo partido ultradereitista Vox, falanxistas e neonazis
Alberto Núñez Feijóo, co presidente do PP, Pablo Casado, e o da Junta de Andalucía, Juanma Morenom, na manifestación en Madrid contra Pedro Sánchez, secundada tamén polo partido ultradereitista Vox, falanxistas e neonazis | Fonte: @JuanMa_Moreno.

"A CASA COMÚN DO CENTRO DEREITA"

O presidente da Xunta e líder os populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que as eleccións do pasado domingo 26 de maio sinalan que o PP está en "o camiño correcto" tras mellorar "seis puntos" en votos respecto ao mes pasado, cando a formación que encabeza Pablo Casado obtivo os seus peores resultados históricos nunhas xerais.

"O PP obtivo mellores resultados nas municipais que nas xerais. Pero o obxectivo non é ter mellor resultados, é gañar; e non o fixemos en moitos sitios", incidiu Núñez Feijóo na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta.

Con todo, cre que o partido está "a remontar aos poucos" e atópase no "camiño correcto" para conseguir, a través de "ensanchar" o partido, que "eses 10 millóns de persoas voten á casa común do centro dereita".

"En tres semanas subimos seis puntos e iso acredita que imos por bo camiño", remarcou Núñez Feijóo, que restou importancia a se a dirección do partido con Casado á cabeza deu un "xiro" a posturas máis moderadas tras o mal resultado cultivado nas xerais.

"Non creo que debamos discutir se é un xiro ou non. Pódeselle chamar xiro ou como se queira, pero o que houbo é unha reacción, recuperamos seis puntos", incidiu o mandatario autonómico, que non quixo pronunciarse sobre a opción de Cayetana Álvarez de Toledo como portavoz parlamentaria e limitouse a dicir que ha de ser Casado quen propoña un nome e que este sexa avalado pola xunta directiva de partido.

EVITA CONCRETAR "LIÑAS VERMELLAS" CON VOX

Ademais, preguntado sobre as hipotéticas 'liñas vermellas' nunha negociación co partido de Abascal, Núñez Feijóo censurou que se cuestionen os acordos dos populares con Vox e non os do Partido Socialista con Podemos ou con formacións nacionalistas como Bildu ou ERC.

"Seguro que cando se lles pregunta ao PSOE as liñas vermellas para pactar con Podemos a ninguén lle sorprende que pacte con eles ou con ERC, ou que se beneficie dos votos de Bildu", remarcou, antes de incidir que "o PP non é Vox".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta