O BNG insta a Ciudadanos a non apoiar o PP na Deputación de Ourense para acabar coa "corrupción e o caciquismo"

Ana Pontón pide aos 'laranxas' que demostren que "non foi unha marca branca" dos 'populares'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2019 | Actualizada ás 16:07

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reiterou o seu chamamento a Ciudadanos para que non apoie ao PP na Deputación de Ourense e demostre que "non foi unha marca branca" dos populares e que aposta por acabar con "a corrupción e o caciquismo".

Acto do BNG en Compostela
Acto do BNG en Compostela | Fonte: Europa Press

Ante o escenario aberto este mércores, cando o escrutinio definitivo confirmou que o Partido Popular perde a maioría absoluta na Deputación ourensá, Ana Pontón instou o partido laranxa a que non apoie os populares e evite que Manuel Baltar volva repetir como presidente provincial.

Así o sinalou Pontón, quen acompañou este xoves a membros da formación nacionalista nun paseo pola Alameda de Santiago de Compostela, iniciado en Porta Faxeira.

As eleccións do domingo deixan o PP con 12 deputados no ente provincial, o PSOE con 9,  Democracia Ourensana con 2, o BNG con 1 e Ciudadanos con outro. Isto sitúa á formación laranxa como posible chave de goberno, xa sexa por un posible apoio ao PP ou ben, nun acordo a catro, co PSOE, o BNG e Democracia Ourensana.

Neste contexto, Pontón apelou a Cs a que demostre se "quere abrir unha xanela de aire fresco nunha Deputación que leva demasiado tempo con cheiro a naftalina e caciquismo, que é un lastre para calquera institución", dixo.

Pontón remarcou que, pola súa banda, "o BNG vai traballar" para que a Deputación cambie de rumbo político, para o que fixo un chamamento a Ciudadanos a demostrar se "esa nova política que viña clamando contra a corrupción está disposta a acabar coa corrupción e o caciquismo en Ourense".

A portavoz nacional sostén que as urnas deixaron a mensaxe de que a cidadanía "non quere máis caciquismo en Ourense", e anunciou o compromiso do BNG "para que se acaben tantos anos de políticas da dinastía Baltar", que provocaron que a Deputación sexa un "exemplo de mal funcionamento, malgasto de diñeiro público e tapón para políticas democráticas e que axuden a unha provincia en declive".

"Desde o BNG imos traballar para acabar co caciquismo e o enchufismo en calquera Deputación e en calquera versión", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta