O xogador do Deportivo da Coruña Íñigo López, en liberdade baixo fianza de 75.000 euros polo caso 'Oikos'

O futbolista declarou ante o xuíz que instrúe as dilixencias do caso sobre o amaño de partidos de fútbol.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 30/05/2019 | Actualizada ás 17:42

Comparte esta noticia

O maxistrado do xulgado de Instrución número 5 de Huesca, Ángel de Pedro, ditou liberdade provisional con fianza de 75.000 euros para o xogador do Deportivo da Coruña Íñigo López, que declarou ante o xuíz que instrúe as dilixencias da Operación 'Oikos' sobre o amaño de partidos de fútbol.

Íñigo López.
Íñigo López.

O avogado do futbolista, Juan Pablo Lerena, explicou que o xogador ten 15 días para depositar a fianza e sinalou que os delitos polos que se lle investigan son os de corrupción entre particulares na súa modalidade de competicións deportivas, predeterminación do resultado de competicións deportivas e cooperación necesaria nun posible delito de estafa polas apostas.

Lerena fixo un chamamento á presunción de inocencia tras o "balbordo" organizado, así como á "mesura, prudencia e paciencia". Tamén apuntou que cando saiba que declararon outros investigados e poida ler as transcricións das conversas telefónicas, poderá dicirlle ao seu cliente que declare voluntariamente e expoña "o que haxa que explicar".

Apuntou que o xulgado e a Fiscalía estiveron investigando seis meses cada un e apelou a "esperar a ver o que hai" para poder dar explicacións, xa que ata agora "hai datos" que el non ten. "Non me pon en igualdade de posición", subliñou.

O letrado lembrou que se mantén o segredo de sumario e o seu cliente estivo detido desde as 8.30 horas deste martes. "Desde entón estivo encerrado e foi trasladado por toda España", engadiu, lembrando que declarou ás 15.00 horas deste xoves en Huesca.

"Tampouco creo que sexa moi esperable" que declare "sobre feitos moi concretos sen saber o que hai no xulgado", comentou. Ata agora, declararon catro dos detidos na Operación 'Oikos'.

OUTROS DETIDOS

O xuíz decretou liberdade baixo fianza para o presidente da Sociedade Deportiva Huesca, Agustín Lasaosa, e o ex-xogador do Real Valladolid e Deportivo Borja Fernández, a quen se lles investiga como posibles autores dun delito de corrupción no deporte e como presuntos cooperadores necesarios nun delito de estafa.

Así mesmo, o xuíz decretou liberdade sen fianza para o xefe dos servizos médicos da Sociedade Deportiva Huesca, Juan Carlos Galindo, a quen se lle considera posible autor dun delito de corrupción no deporte.

Esta tarde tiñan que declarar tamén o ex-xogador do Real Madrid Raúl Bravo e o de varios equipos de Primeira División Carlos Aranda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta