A Xunta repartirá medallas para destacar o traballo en favor da igualdade

A medalla terá un carácter exclusivamente honorífico e dará dereito a un diploma acreditativo, que non levará consigo ningún tipo de dotación económica.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2019 | Actualizada ás 12:02

Comparte esta noticia

A Xunta volve insistir nas medallas para recoñecer a valía de determinadas persoas nun sector concreto. Desta volta, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres o decreto polo que se crea e regula a Medalla Emilia Pardo Bazán, que ten como obxectivo o recoñecemento público daquelas accións "relevantes" levadas a cabo en favor da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Desta maneira, este ano será o primeiro que se convoca este recoñecemento. O prazo para presentar candidaturas estará aberto a partir deste luns e prolongarase durante 20 días hábiles.

"As candidaturas poderán ser propostas directamente por calquera persoa física ou xurídica, representantes de organismos, entidades, asociacións, así como calquera administración pública que considere relevante destacar o labor doutras persoas, entidades ou institucións", explicou a Xunta nun comunicado.

A distinción poderá ser entregada a persoas maiores de idade, colectivos, entidades ou institucións, tanto públicas como privadas que, ao longo da súa traxectoria, contribuísen á construción dunha sociedade máis igualitaria.

TRES CONDECORACIÓNS

A medalla terá un carácter exclusivamente honorífico e dará dereito a un diploma acreditativo, que non levará consigo ningún tipo de dotación económica. Cada ano concederanse ata un máximo de tres condecoracións, "que revestirán forma de medalla cando sexan a título individual, e placa cando se trate de colectivos, entidades ou institucións".

A entrega da Medalla Emilia Pardo Bazán realizarase cada ano o 16 de setembro, día do nacemento da escritora galega.

Tal como indicou o Goberno autonómico, a condecoración leva o nome de Emilia Pardo Bazán por tratarse dunha "precursora" nas ideas acerca dos dereitos das mulleres e do feminismo, así como por reivindicar a educación das mulleres como algo fundamental.

Nas súas obras, a autora incorporaba ideas sobre a modernización da sociedade e o acceso das mulleres aos mesmos dereitos e oportunidades que os homes.

Feijóo entrégalle a Romay a medalla Castelao na Cidade da Cultura
Feijóo entrégalle a Romay a medalla Castelao na Cidade da Cultura

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta