Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2019 | Actualizada ás 14:28
A Xunta e o Colexio oficial de Traballo Social de Galicia asinaron este venres un convenio para pór en marcha unha quenda de garda social permanente para mulleres vítimas de violencia de xénero, os seus fillos e as persoas dependentes delas.
Así o reflicte o convenio asinado polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a presidenta do Colexio, Miriam Rodríguez, que se enmarca nas iniciativas postas en marcha con motivo do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Esta quenda de garda pioneira terá como obxectivo a intervención "especializada e inmediata" desde o ámbito do traballo social para acompañar e apoiar ás mulleres vítimas de violencia de xénero, así como aos seus fillos e ás persoas que dependan delas.
O protocolo poderá ser activado nunha situación de urxencia en calquera escenario, as 24 horas do día e en todos os partidos xudiciais de Galicia. O servizo será activado polas forzas e corpos de seguridade do Estado ou polo xulgado, explicou a presidenta do Colexio, a través do Teléfono de Información ás Mulleres, que se porá en contacto coa persoa da quenda de garda correspondente para garantir a súa presenza inmediata no lugar sinalado.
FORMACIÓN ESPECÍFICA
Para que a persoa que asista a estas vítimas conte con formación especializada, o colexio puxo en marcha durante os meses de maio e xuño unha formación específica no catro provincias e que, explicou Miriam Rodríguez, concluirá en breve con 180 traballadores sociais formados para esta asistencia, que prevén iniciar a finais de xuño.
O vicepresidente da Xunta, pola súa banda, considerou o convenio asinado este venres como un "paso fundamental" na atención integral ás vítimas de violencia de xénero, que se complementa co acordo rubricado co Colexio de Psicoloxía para establecer tamén unha quenda de garda neste ámbito.
"É fundamental que calquera vítima que vaia a denunciar saiba que vai ter desde o primeiro momento esa asistencia", dixo Rueda, que puxo en valor os recursos activos para loitar contra esta secuela e apoiar ás vítimas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.