Alfonso Rueda admite "negociacións cruzadas" para que Baltar se manteña na Deputación de Ourense

O vicepresidente da Xunta e presidente do PP de Pontevedra sinala que no caso de Vigo vaise "aproveitar a canteira" para saír adiante nun "momento difícil".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2019 | Actualizada ás 18:29

Comparte esta noticia



O vicepresidente da Xunta e presidente do PP na provincia de Pontevedra, admitiu que "estes días" se están producindo "moitas conversacións" e "negociacións cruzadas" para tentar que o 'popular' José Manuel Baltar repita á fronte da Deputación de Ourense, na que o partido quedou a un representante da maioría absoluta.

Alfonso Rueda defende que "o lóxico" sería que volvese gobernar porque quedou "a menos de mil votos para a maioría absoluta". "Gañou clarísimamente", valorou, en entrevista na Cadea Ser recollida por Europa Press, na que, no entanto, non menciona os posibles acordos que se establecerían nin se pasarían por Cidadáns ou Democracia Ourensá.

O presidente do PP en Pontevedra tamén fai balance da situación do partido en Vigo, tras a dimisión da candidata popular, Elena Muñoz, que obtivo 4 de 25 concelleiros dunha corporación na que o socialista Abel Caballero alcanzou 20 edís.

Alfonso Rueda, recoñece que a responsabilidade do "mal resultado" na cidade de Vigo é compartida e avoga por analizar en que se equivocou o partido, facendo "autocrítica" e abrindo un "período de transición para buscar unha substitución". Para iso, sostén, "hai moitas vimbias en Vigo para facer un novo cesto" e sinala que se vai "a aproveitar a canteira" para saír adiante nun "momento difícil". Rexeita pór o foco da responsabilidade en Elena Muñoz, a pesar da súa dimisión, e asegura que "todos" son responsables na medida que lles toca e, aínda que está claro que "algo fallou", recoñece o traballo e o esforzo da exconselleira de Facenda como candidata.

Alfonso Rueda sostén que os resultados das municipais non teñen por que repetirse nas autonómicas de 2020. Lembra que en 2015, Abel Caballero xa obtivera 17 edís e un ano despois o PP "gañou as autonómicas moi por encima do PSOE". "Quero pensar que, a pesar de ser difícil, non hai nada que indique que non podemos repetir eses resultados de 2015 en 2020". Para iso, agora toca "recompor o partido e subir a moral da xente".

A mesma lectura trasládaa a toda Galicia. Alfonso Rueda recoñece que non están satisfeitos polos resultados das eleccións locais pero matiza que tampouco se pode falar de "desastre".
Aínda que o PP non gobernará, a priori, en ningunha das cidades, insiste en que o partido tivo "avances importantes" e que se volve a dar "a cuestión de sempre" de non poder gobernar porque os que perden "xúntanse".

Na mesma liña, o vicepresidente da Xunta non considera que os resultados das recentes eleccións sexan trasladables ás próximas autonómicas. Lembra que en 2016, nin PSOE nin BNG obtiveron os bos resultados das municipais do ano anterior e quedaron "terceiros e cuartos nas autonómicas". "A xente distingue cada elección".

FEIJÓO CANDIDATO

Cuestionado sobre o feito de que o PP aínda non teña candidato para as autonómicas, a diferenza do PSOE e do BNG, responde que ten "presidente, que é moito mellor". Pero en todo caso, admite que "a todo o PP gustaríalle que Alberto Núñez Feijóo volvese ser candidato e gañase por cuarta vez con maioría absoluta", aínda que argumenta que "ser candidato é unha decisión que ten moitos compoñentes e unha persoal moi importante".

"Todos temos claro que con Feijóo de candidato teriamos moitas posibilidades de volver gobernar Galicia o ano que vén", recoñece. No caso de que non se presente o actual líder do partido en Galicia, a situación é "diferente": "Se se dese fariamos todo o posible para seguir gobernando e creo que o conseguiriamos".

Por último, en relación ás relacións do PP de Galicia e o nacional, e o suposto viro á dereita da formación, lembra a postura adoptada pola formación galega tras as xerais cando se pediu "abrir o partido" porque "cabe moitísima xente" e desde "o centro cara á dereita é un territorio amplísimo" para ser "un partido de goberno". Ademais, defende que "por encima dos intereses do partido" están os de Galicia e o partido galego é, "de todos os que hai en España" no PP, "un dos que ten unha identidade máis propia e un carácter máis marcado".

Rueda (PPdeG) admite 'moitas conversacións' e 'negociacións' para que Baltar repita na Deputación de Ourense. CADEA SER
Rueda (PPdeG) admite 'moitas conversacións' e 'negociacións' para que Baltar repita na Deputación de Ourense. CADEA SER | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta