A mocidade poderá exercer de voluntaria en festivais galegos de música a cambio da entrada

Só para aqueles mozos e mozas galegos que teñan unha idade comprendida entre os 18 e os 30 anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2019 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

A mocidade galega de entre 18 e 30 anos poderá exercer de voluntaria en festivais de música dde Galicia a cambio da entrada para asistir ao evento. Trátase dun programa impulsado pola Consellería de Política Social e a Asociación Empresarial Festivais de Galicia que foi presentado este martes.

O obxectivo, segundo explica a Xunta, é fomentar a participación activa dos mozos e mozas nos festivais de música de Galicia a través do programa 'SON Voluntario/a', que porá en marcha a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para promocionar "a acción voluntaria entre a mocidade".

'SON Voluntario' ten como fin "promover os voluntariados entre a mocidade e dar a coñecer os beneficios que reporta tanto a nivel persoal como social". Está enfocado aos festivais de música de Galicia e a eventos similares nos que os participantes realizarán tarefas e "vivirán a experiencia dun festival desde dentro".

Os voluntarios encargaranse de tarefas como informar os servizos que ofrece o festival, facilitar a circulación de persoas dentro do recinto e realizar actividades de sensibilización ambiental, segundo informou a Xunta mediante un comunicado.

A cambio recibirán un bono de acceso ao festival ao que acudan facilitado polos organizadores de cada evento, así como un certificado de experiencias voluntarias expedido pola Dirección Xeral de Xuventude. As quendas terán un máximo de tres horas ao día e os participantes terán un seguro de accidentes e responsabilidade civil.

REQUISITOS DE PARTICIPACIÓN

Os participantes deben ter entre 18 e 30 anos e terán que estar empadroados nalgún concello de Galicia. Todas as persoas seleccionadas deben superar un curso básico sobre voluntariado que estará dispoñible na páxina web: 'www.voluntariadogalego.org'. Ademais, terán que asistir a unha reunión previa á celebración do festival para establecer todas as cuestións de organización, solucionar dúbidas e repartir as identificacións.

A rapazada que queira vivir unha experiencia como voluntaria en festivais galegos poderá inscribirse no programa SON Voluntario da Dirección Xeral de Xuventude a través dun formulario que estará dispoñible na páxina web.

A Xunta fomenta a participación entre a mocidade en festivais galegos a través dun programa de voluntariado. XUNTA DE GALICIA
A Xunta fomenta a participación entre a mocidade en festivais galegos a través dun programa de voluntariado. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta