Chega unha forte borrasca ás portas do verán

Traerá moita inestabilidade, fortes choivas e ventos a Galicia durante a tarde do xoves.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2019 | Actualizada ás 09:38

Comparte esta noticia

O tempo asollado que experimentou Galicia durante o primeiro fin de semana de xuño, no que predominaron os ceos despexados ou pouco nubrados e temperaturas estivais, dará paso estes días a unha borrasca que deixará moita inestabilidade e algunhas zonas da comunidade en situación de alerta, sobre todo na provincia da Coruña.

A orixe desta situación meteorolóxica adversa será un centro de baixas na zona do golfo Ártabro, concretamente na Costa da Morte, que xa afectará o territorio durante este mércores pero que entrará de cheo e deixará a súa máxima incidencia entre as 12.00 e as 18.00 horas do xoves.

As nubes e as choivas incrementaranse progresivamente durante a xornada, iniciándose na metade oeste e estendéndose a toda Galicia. Este fenómeno meteorolóxico levou a decretar a alerta amarela na Coruña e Pontevedra, segundo indicaron fontes de Meteogalicia a Europa Press e que, segundo AEMET, podería estenderse ao litoral de Lugo.

A borrasca deixará, así, un tempo bastante inestable que podería vir acompañado de aparello eléctrico e sarabia. Os ventos (do sur) serán fortes e con refachos de entre 70 e 80 quilómetros por hora na provincia de Pontevedra, no Oeste e no Suroeste da Coruña.

As choivas serán localmente fortes nestas zonas da provincia coruñesa, onde poderían chegar a acumularse máis de 15 litros por metro cadrado nunha hora. As Rías Baixas e a zona da Costa da Morte rexistrarán ventos de compoñente sur e forza sete.

Por este motivo, está decretada a alerta amarela tanto por choivas como por ventos fortes, na que se advirte ademais da situación no litoral das zonas afectadas pola borrasca, onde se darán fenómenos adversos costeiros.

Unha muller tenta cruzar por un lugar completamente inundado en Vigo polo efecto da borrasca Beatriz
Unha muller tenta cruzar por un lugar completamente inundado en Vigo polo efecto da borrasca Beatriz | Fonte: Miguel Núñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta