Eva Solla reclama debater o xeito de "articular" a confluencia para as autonómicas

A deputada insistiu en que as organizacións deben articular ese debate e que os resultados dos últimos comicios evidenciaron a mensaxe cidadá de que é "importante manter a unidade, a confluencia e que hai que reforzala coas ferramentas que sexan necesarias".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2019 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

A deputada Eva Solla chamou a "pór a mirada longa" e ir máis aló das discusións internas no grupo de En Marea, apostando por "un debate amplo" xunto ás outras organizacións coas que Esquerda Unida comparte os procesos de confluencias sobre "o modelo e o fracaso, nalgún caso", dos proxectos presentados ás municipais.

"Que permita reforzarnos", insistiu, entendendo que hai aínda "un tempo moi importante" de aquí cara ás autonómicas que para traballar en proxectos de unidade no espazo xeral de confluencia, pero que debe materializarse nun formato "que garanta a representatividade das distintas sensibilidades" dentro deste espectro.

A preguntas dos medios sobre a situación deste espazo de unidade popular tras as municipais e os últimos enfrontamentos e cuestións internas, Solla considerou que, "a pesar de todas as dificultades", este proxecto conta "con persoas magnificas" dentro das organizacións políticas que foron partícipes e que fixeron o seu traballo estes anos.

Ademais, insistiu en que as organizacións deben articular ese debate e que os resultados dos últimos comicios evidenciaron a mensaxe cidadá de que é "importante manter a unidade, a confluencia e que hai que reforzala coas ferramentas que sexan necesarias".

Solla tamén considerou que é importante solucionar "as cuestións" que se arrastran de debates políticos previos, ou a máis recente polémica tras o rexeitamento da maioría do seu grupo parlamentario ao nome proposto para senadora por designación autonómica, ademais das críticas e acusacións de Luís Villares a Pablo Iglesias.

"O importante é que cheguemos a un acordo o máis amplo posible dentro do grupo e sen máis, para non deternos neses debates estériles e pór a mirada longa", considerou, para asegurar que este debate terá a súa resolución "nas seguintes semanas".

ASEMBLEA O 22 DE XUÑO

Esquerda Unida, pola súa banda, debaterá os resultados das eleccións nunha próxima asemblea nacional que se celebrará o 22 de xuño e, "a partir de aí", empezará o traballo cara ás autonómicas para que evitar que Galicia teña que "soportar catro anos máis do Goberno do PP".

Así, poranse a disposición para chegar a acordos co resto de forzas de esquerda, trasladando o debate "ao programa" e "lonxe desas discusións" para realizar "unha proposta seria" sobre os problemas estruturais "graves" que padece Galicia.

Eva Solla
Eva Solla | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Huang Ho

Vades confluir Yolanda e máis, e non está nada claro nin siquera esta posibilidade...

1 Prou

Sacar o do tema das confluencias xa é de ser pesados. Xa non volve 2015, deixadeo xa.