A lea dos pactos municipais: Feijóo insiste en que goberne o máis votado e non descarta sopresas en Ourense

"O PSOE que goberne nas institucións máis votadas e o PP no resto", di o presidente da Xunta sobre que os populares asuman os gobernos das deputacións da Coruña, Ourense e Pontevedra. Sobre Vox mantén que el non pactaría coa ultradereita en Galicia.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 06/06/2019 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

Ourense estase convertendo no centro da política galega. Logo das eleccións municipais e ante a posibilidade de numerosos pactos, nin socialistas, nin populares teñen a chave dos futuros gobernos no concello da capital e na deputación. Esa chave está nas mans de Democracia Ourensana e do seu vehemente líder, Gonzalo Jácome. "No concello a forza máis votada foi o PSOE e na Deputación o PP. O normal é que goberne o máis votado", dixo este xoves Albert Núñez Feijóo.

Baltar, Feijóo e Jesús Vázquez nun mitin
Baltar, Feijóo e Jesús Vázquez nun mitin | Fonte: PPdeG

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o presidente galego non descartou nada en relación a esta provincia, ante os rumores que apuntan a un acordo entre populares e Democracia Ourensana, para que os primeiros gobernen a deputación e os segundos o concello. "O único partido que gañou con contundencia na provincia é o PP", dixo pero sen negar ningunha das posibilidades.

Por iso, o líder dos populares galegos insistiu en que goberne a forza máis votada. "O PSOE que goberne nas institucións máis votadas e o PP no resto", dixo en alusión aos gobernos das deputacións da Coruña, Ourense e Pontevedra, onde gañou o seu partido.

Con todo, deixou as portas abertas a sorpresas. "Se non se respectan as decisións das urnas e se enlaman os gobernos pois estamos noutro estadio", apuntou en alusión ás negociacións abertas polo PSOE para gobernar as catro deputacións e os concellos da Coruña, Santiago, Ferrol, Ourense e Lugo.

E NOUTRAS INSTITUCIÓNS?

E entón se ten que gobernar a forza máis votada, estará dacordo en que Carmena goberne o concello de Madrid e o PSOE a comunidade, non?, preguntoulle Galicia Confidencial sobre a súa teoría dos gobernos máis votados. "Eu sempre mantiven que gobernara o máis votado", insistiu.

Con todo, variou o ton das súas declaracións e suliñou que se o PSOE non acepta esta posibilidade, o PP non a vai manter e xogará no seu terreo de xogo. "Eu xa dixen o de que goberne o máis votado en 2008, 2011 e 2015 e sentamos varias veces co PSOE a falar disto e en todas as ocasións a resposta foi non", mantivo. "Por iso, teremos que traballar no taboleiro do PSOE aínda que non nos guste", xustificou ante a posibilidade de pactar con Vox e Cs para arrebatarlle estes dous gobernos á esquerda.

Neste sentido, Feijóo volveu defender a probación dunha lei para que se prime a forza máis votada "sempre que saque, por exemplo, máis do 40% dos votos". "Senón facemos así os que perden estarán no goberno e os que gañan na oposición", afirmou.

VOX

GC tamén lle preguntou a Feijóo sobre o suposto cambio de opinión sobre un pacto coa ultradereita en Madrid. "Hai uns días mantiña que Vox era unha mestura de incerteza, inconsistencia e falacia e que eran case da Falanxe, segue mantendo esa afirmación tras querer pactar con eles?", preguntoulle este medio. "Eu o que dixen é que nunca pactaría con Vox en Galicia e sobre este tema sigo tendo a mesma opinión", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Prístino

Nom pacta com vox na Galiza pq já a tem incorporada no pp, a diferença do q ocorre em Espanha. Senom, de que, que nos conhecemos frijolito.

2 De Lalín

O que mostra que o único importante para Alberto Núñez é a poltrona, ainda que sexa co Baltar.

1 RAMON OURENSE

En Andalucia foi o PP o mais votado? Mentirán