O peso dos salarios no PIB galego sobe en 2018 tras oito anos de caídas

A evolución da remuneración media por asalariado é similar á da produtividade, pero non cobre o incremento desta nin dos prezos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2019 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

O peso dos salarios no produto interior bruto galego sobe unha décima en 2018, tras oito anos de caída, de modo que representa o 42,4% do PIB, aínda que chegou a representar o 48% no ano 2009, segundo os datos que publica este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE). Na Unión Europea dos 28, a porcentaxe da remuneración dos asalariados no PIB é superior a Galicia e a caída desde 2009 foi de 0,8 puntos porcentuais.

En termos correntes, a evolución da remuneración de asalariados, tras seis períodos consecutivos de caídas, é positiva desde 2015. Isto está relacionado fundamentalmente coa evolución do emprego asalariado, que presenta taxas positivas tamén no devandito período, segundo explica o IGE.

Na Unión Europea dos 18, este agregado só cae no ano 2009, e no trienio 2010-2012 creceu a taxas superiores ao 2%. En 2013 o incremento deste indicador foi mais moderado, pero recupérase en 2014 con taxas próximas ao 3% e, sobre todo en 2015, cun repunte do 4,7%. En 2016 suavizouse o seu crecemento, pero en 2017 e sobre todo en 2018 volveu aumentar.

POR HORA ASALARIADA

Mentres, a remuneración por hora asalariada en Galicia alcanzou en 2018 os 17 euros. Esta cifra supón o 72% da remuneración por hora na Unión Europea dos 28. Este diferencial Galicia-Europa reduciuse desde o ano 2000 (a remuneración hora galega representaba o 67% da europea) ao 2009, no que a remuneración por hora asalariada alcanzou o 79%. Desde ese período, volveu crecer a diferenza.

Esta variable creceu a maior ritmo en Galicia e España que en Europa no que vai de século XXI, especialmente no período 2000-2010, de acordo coa información de Estatística.

SECTOR SERVIZOS

Como na maior parte das economías occidentais, a remuneración dos asalariados concéntrase no sector servizos. Con todo, en Galicia, o peso é inferior ao dato español ou ao da Unión Europea dos 28. Mentres, a achega do sector primario á remuneración dos asalariados é do 2,5% en Galicia, porcentaxe superior en máis dun punto á remuneración total en España ou Europa.

Se se analiza a evolución do peso da remuneración de asalariados por sectores ao longo dos últimos 18 anos, o IGE observa como o peso da industria vaise reducindo en todo o período, a construción sofre unha caída desde o ano 2007 e o sector servizos non deixa de crecer. "Estes fenómenos son comúns no tres espazos considerados aínda que a magnitude dos cambios é diferente", apunta. Ademais, Galicia ten unha remuneración de asalariados por hora inferior á media europea en todos os sectores.

As diferenzas son menores no caso do sector primario ou no sector da Administración pública, sanidade e educación e "relativamente importantes" en sectores como o da información e das comunicacións ou actividades inmobiliarias.

As actividades financeiras e de seguros e a Administración pública, sanidade e educación son os que presentan unha maior remuneración por hora en Galicia. En España e en Europa tamén son estes sectores de actividade, xunto co de información e comunicacións, os mellor remunerados.

A PRODUTIVIDADE CRECE MÁIS

No período 2010-2017 o crecemento da remuneración media en Galicia é "moi inferior" ao crecemento da produtividade, o que provoca que o indicador tome valores negativos. En 2018, a evolución da remuneración media por asalariado en Galicia é similar á evolución da produtividade, pero non cobre o incremento da produtividade e dos prezos, provocando que o indicador continúe presentando valores negativos.

AMP.- PIB.- A economía galega reduce o seu crecemento anual ao 2,3%, o seu peor dato desde o arranque de 2015. EUROPA PRESS - Arquivo
AMP.- PIB.- A economía galega reduce o seu crecemento anual ao 2,3%, o seu peor dato desde o arranque de 2015. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta