Cs insiste na saída de Baltar e censura "o silencio" de Feijóo sobre a súa proposta para a deputación

A deputada Beatriz Pino pregúntase "quen manda realmente" no PPdeG: "Feijóo ou Baltar?".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2019 | Actualizada ás 18:37

Comparte esta noticia

A deputada de Cs por Pontevedra, Beatriz Pino, insistiu este sábado que "calquera acordo" co Partido Popular na Deputación de Ourense "pasa pola saída do actual presidente en funcións, Manuel Baltar".

"Quen manda realmente no Partido Popular de Galicia, Feijóo ou Baltar?", pregúntase a parlamentaria nas Cortes da formación laranxa e tamén membro do comité negociador de Cs Galicia, segundo recolle un comunicado.

Pino tacha de "incrible" o "silencio" do líder do partido, Alberto Núñez Feijóo, despois do anuncio efectuado por Cs, que esixe a marcha de Manuel Baltar para apoiar ao PP nesta institución, na que os populares quedaron a un representante de lograr a maioría absoluta.

E é que a formación laranxa cre que a dirección galega do Partido Popular "deixa a negociación e a decisión" en mans da "cúpula provincial" do PP ourensán, encabezado, precisamente, polo propio Baltar.

Así as cousas e tras remarcar que o PP é o "socio preferente" de Cs, Beatriz Pino insiste en que "a solución" que expón o partido laranxa para o goberno provincial "é moi sinxela: (o PP) seguirá á fronte sempre que Baltar quede fóra".

"Calquera acordo co PPdeG en Ourense pasa pola saída do actual presidente en funcións", subliña de novo a deputada, que afirma que "o compromiso" de Cs radica en "políticas e proxectos transparentes de centro e liberais e, sobre todo, rexeneradores".

Por iso, consideran indispensable a substitución de "a familia Baltar" por representar a "vella" e "obsoleta política", "modelos fronte aos que se planta Cs".

Por último, o partido laranxa responde ao propio Baltar que "o BNG non é necesario" para o acordo na deputación, en referencia ás palabras do mandatario provincial que, o pasado venres, convidaba a Cs a dicir "con absoluta claridade" se prefiren pactar co PP ou "cos nacionalistas".

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, nunha entrevista. DEPUTACIÓN DE OURENSE - Arquivo
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, nunha entrevista. DEPUTACIÓN DE OURENSE - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta