Condenan a Ferroatlántica a readmitir ao traballador da CIG despedido tras un comentario sobre a empresa en Facebook

A CIG denuncia que se vuneraron dereitos fundamentais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2019 | Actualizada ás 19:38

Comparte esta noticia

O Xulgado do Social da Coruña declarou nulo o despedimento do traballador de Ferroatlántica en Cee (A Coruña) e membro do Comité de empresa coa CIG, José Ramos, e condenou á compañía á súa readmisión. Ademais, obriga á empresa a pagarlle os salarios que deixou de percibir e a abonar unha indemnización polo dano moral derivado da vulneración do seu dereito fundamental á liberdade de expresión sindical.

Así o informou a CIG a través dun comunicado, no que sinala que se trata dun "novo fracaso de Ferroatlántica no seu ataque aos traballadores e ao emprego da Costa da Morte".

O traballador, despois de 28 anos traballando en Cee, fora despedido supostamente despois de publicar un comentario na rede social 'Facebook', "nun clima de gran tensión sindical, con posturas enfrontadas dentro do Comité", debido á negociación do convenio colectivo.

A CIG argumentara que o despedimento non se debía á publicación na rede social senón que era "unha represión de Ferroatlántica contra a central sindical" pola loita contra a venda das centrais hidroeléctricas.

A sentenza xudicial, expón a CIG, considera que a decisión de Ferroatlántica constitúe unha "vulneración do dereito fundamental da liberdade de expresión na súa vertente de liberdade de expresión sindical". Ademais, condena á empresa a pagarlle unha indemnización ao traballador no grao de infracción moi grave.

Marcha por Ferroatlántica. REMITIDA - Arquivo
Marcha por Ferroatlántica. REMITIDA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta