Proxectos galegos premiados por investir no rural

O pasado 5 de xuño coñecéronse os oito seleccionados para recibir os Premios Agader deste ano que se conceden ás mellores iniciativas de desenvolvemento rural de Galicia.

Por X.M. Fernández | Santiago de Compostela | 09/06/2019 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Tras coñecerse os gañadores, o conselleiro de Medio Rural, José González, felicitou aos premiados e agradeceulles a súa contribución á dinamización do rural galego consolidando iniciativas innovadoras que ademais de crear emprego son unha fonte de riqueza para o entorno.

Mermelada de pemento de Herbón. Foto: SAT A Pementeira
Mermelada de pemento de Herbón. Foto: SAT A Pementeira

Os gañadores recibirán un premio de 10.000 euros cada un e teñen a obriga de reinvestir os cartos no proxecto co obxectivo de realizar melloras, ampliar o negocio ou executar actuacións complementarias.

O concelleiro destacou a cantidade de proxectos presentados agradecéndolles a todos eles a súa aposta polo agro, o que demostra que o rural galego ten un gran potencial e futuro.

Os premiados foron:

A Fundación Eduardo Pondal, de Ponteceso, na categoría de proxectos culturais e de recuperación patrimonial do medio rural.

Amarelante S.C.G na Semana Verde de Galicia. Foto: Davide
Amarelante S.C.G na Semana Verde de Galicia. Foto: Davide

Na categoría de mocidade, destinada a persoas menores de 40 anos, o gañador foi a iniciativa presentada por Corazón de Carballo, Granxa Escola Musical, con sede en Tomiño. Un centro de ocio, tempo de lecer e servizos que conxuga educación ambiental e educación artística con multitude de áreas de traballo.

No apartado de interese social, destinado a aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos, recibe o premio a Asociación Carabelo, de Lalín, polo programa de apoio ás familias.

Na sección de turismo, álzase co galardón a Asociación Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra Courel, polo proxecto de promoción turística e desenvolvemento do xeoturismo nos concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil, baixo o paraugas da figura de “Xeoparque Mundial da Unesco Montañas de Courel”.

En canto ás iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por mulleres, o premio vai para Polyesteres Bidasoa, S.L., de Marín, pola súa traxectoria nos últimos 30 anos desta empresa familiar dirixida por unha muller e cun cadro de persoal paritario que apostan pola calidade, innovación, especialización e respecto polo medio ambiente.

No sector agrogandeiro, o gañador é a SAT A Pementeira, empresa ubicada no concello de Padrón, polo cultivo e promoción de pementos así como o envasado, etiquetado e comercialización en fresco ou de produtos derivados da súa transformación (marmelada e bombóns de pemento), preservando todas as características do produto acollido á DOP “Pemento de Herbón”.

Gráficas Salnés, S.L., de Cambados, levou o premio á innovación tecnolóxica pola fabricación de caixas forradas para embalaxe de produtos premium (caixas para viños, alimentación gourmet, perfumes…).

E, por último, na categoría de loita contra o abandono e en prol da mobilidade de terras, o gañador deste premio é Amarelante, S. Coop. Galega, de Manzaneda. Trátase dunha aposta polo rural co aproveitamento da castaña a través do cooperativismo. Un proxecto de recuperación de soutos abandonados neste concello, para poñelos en valor e obter rendemento comercial de castañas frescas, secas e de produtos derivados como a fariña e a bica de castaña.

Os galardóns entregaranse o vindeiro 21 de xuño no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta