Denuncian "incumprimento dos servizos mínimos" en PACs da provincia de Pontevedra o fin de semana

"Os PACs seguimos en folga e os servizos mínimos foron fixados no 100% polo propio Sergas, a pesar de que sigan sendo as súas xerencias as que se empeñen en incumprilos unha e outra vez", critican dende o colectivo PACs en Pie de Guerra.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 10/06/2019 | Actualizada ás 12:01

Comparte esta noticia

O colectivo PACs en Pie de Guerra denunciou este luns un novo "incumprimento dos servizos mínimos" en Puntos de Atención Continuada da provincia de Pontevedra o fin de semana.

Segundo explicou este colectivo nun comunicado, "unha vez máis os PACs deben asumir os fins de semana sen os suficientes médicos/enfermeiras en quenda" e "nesta ocasión foi a Xerencia da área de Pontevedra a que vulnerou os servizos mínimos establecidos", engadiu.

En concreto, apuntou que os PACS de Caldas, Marín e A Parda --en Pontevedra-- "víronse privados dun médico e nun deles, en Caldas, tivo que asumir cun só facultativo toda a garda".

"Isto propiciou situacións como a do pasado sábado na PAC de Caldas, que permaneceu aproximadamente unha hora e media sen equipo sanitario, posto que o único equipo presente tivo que trasladar un posible código ictus", explicou PACs en Pie de Guerra.

Ademais, detallou que o domingo "lle tocou á PAC de Marín de 10 a 22 estar a traballar cun médico de menos e non ter ata case finalizada a tarde identificado o médico para a noite", sostivo o mesmo colectivo.

Mentres, á PAC da Parda, que atende entre outras zonas a cidade de Pontevedra, "pasoulle o mesmo", sinalou a asociación, que concretou que "o tempo cun médico de menos fose maior se non é polo esforzo e a responsabilidade dos médicos saíntes de garda, que quedaron unhas horas á espera da incorporación do persoal de reforzo".

Por iso, as mesmas fontes subliñan que "unha vez máis é o propio persoal o que ten que liquidar a mala planificación da xerencia de Pontevedra, xa que na maioría dos casos, as ausencias foran avisadas con anterioridade suficiente".

"Os PACs seguimos en folga e os servizos mínimos foron fixados no 100% polo propio Sergas, a pesar de que sigan sendo as súas xerencias as que se empeñen en incumprilos unha e outra vez", critica este colectivo.

Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do CHUS en Santiago ante o colapso sanitario
Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do CHUS en Santiago ante o colapso sanitario | Fonte: Asociación de Usuarios

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta