Temas: PEAXES AUDASA

Un xuíz rexeita a petición de Audasa no caso dos cobros abusivos nas peaxes

O Xulgado do Mercantil considera que o cobro abusivo de peaxes é un caso civil e privado sen relación administrativa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2019 | Actualizada ás 17:42

Comparte esta noticia

O Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra fixou que é un caso civil e privado o suposto cobro abusivo de peaxes por parte de Audasa, concesionaria da AP-9, durante as obras de ampliación da ponte de Rande, polo que declina que sexa competencia da orde contenciosa-administrativo.

Ponte de Rande
Ponte de Rande | Fonte: Miguel Núñez

Nun auto con data do 6 de xuño, o maxistrado titular do xulgado rexeita a petición realizada por Audasa, á vez que condena á empresa a pagar as costas sobre esta decisión acerca da xurisdición. A resolución non é firme e contra ela cabe interpor recurso de reposición.

Nos antecedentes de feito figura que, entre outros, Fiscalía presentou un escrito no que sinalaba que a competencia e xurisdición para coñecer do proceso correspondía ao xulgado do mercantil. Defende que neste caso non se discute a relación da concesionaria coa administración, senón cos usuarios da autoestrada que xestiona, enmarcadas no dereito privado.

Na súa argumentación, o xuíz confirma que é competencia "obxectiva" do mercantil este litixio. "Podemos facer ver a Audasa o pouco acertado da súa postura simplemente pondo de manifesto o feito de que non foi capaz de mencionar nunha extensa declinatoria de 40 páxinas nin unha soa sentenza ou auto dun só xulgado ou tribunal que puxese en dúbida a competencia da orde civil para coñecer deste tipo de demandas", destaca o auto.

Ademais, indica que a Fiscalía "non discute a regularidade das tarifas ou peaxes, senón a oportunidade de cobrarllas aos condutores cando, supostamente, Audasa non está a cumprir as obrigas legais que lle competen en canto concesionaria da xestión dunha autoestrada". O Xulgado recalca que a actividade como concesionaria dunha autoestrada en relación cos condutores que pagan as súas peaxes queda "moi afastada do que se pode considerar como exercicio de potestades administrativas".

"A propia norma á que apela Audasa recoñece que a súa actividade de explotación da autoestrada é de carácter comercial. Iso implica, necesariamente, que as relacións que establece cos usuarios desa autoestrada son de carácter estritamente privado, polo que as incidencias habidas nesa relación cínguense á esfera civil e, por tanto, han de ser discutidas ante os órganos da xurisdición civil, non ante os da xurisdición contencioso-administrativa", argumenta o maxistrado.

Temas: PEAXES AUDASA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta