A eurodeputada Ana Miranda alerta á Comisión Europea das verteduras de lodos na contorna da illa de Sálvora

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2019 | Actualizada ás 19:10

Comparte esta noticia

A eurodeputada do BNG Ana Miranda enviou este luns á Comisión Europea unha comunicación na que denuncia "a existencia de verteduras" na contorna da illa de Sálvora procedentes do dragado do río Lérez. Por iso, a nacionalista insta á Comisión a que comprobe esta situación e tamén a que verifique o eventual incumprimento da directiva marco da auga.

Ana Miranda
Ana Miranda | Fonte: Europa Press

Miranda critica "a autorización de Portos de Galicia para a realización deste depósito de residuos nun espazo ambiental, pesqueiro e de marisqueo", tendo en conta que a illa pertence ao parque nacional das Illas Atlánticas.

"Trátase dun atentado ambiental e económico para esta zona que hai que frear xa", subliña. Ao seu xuízo, de feito, "só se pode cualificar de total irresponsabilidade" que a Consellería de Mar poña "en serio risco centos de postos de traballo".

Pola súa banda, o departamento de Rosa Quintana lanzou leste mesmo luns unha "mensaxe tranquilizadora" ao sector pesqueiro e marisqueiro sobre o dragado do Lérez. Asegura que se estuda a posibilidade de levar os lodos fóra da ría de Pontevedra, aínda que afirma que aínda non esta decidido o punto de depósito dos lodos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta